Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Década de 1810

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Segundo milenio
Século XIX
1800
 
1810
 
1820
1810  · 1811  · 1812  · 1813  · 1814
1815  · 1816  · 1817  · 1818  · 1819


1810

Artigo principal: 1810.
Proezas de Galicia (PDF).

Galiza

  • O 10 de febreiro prodúcese en Ferrol unha sublevación dos traballadores dos estaleiros e do mestrado logo de levar tempo sen cobrar. A multitude asaltou a residencia do comandante xeneral, José de Vargas, levouno ata o edificio onde estaba o cárcere e o concello onde foi apuñalado, e deixou o cadáver diante da porta do estaleiro. No xuízo celebrado o ano seguinte na Audiencia da Coruña, un home e dúas mulleres foron condenados a morrer na forca coma instigadores da revolta. Unha das mulleres, Antonia Alarcón, foi ademais decapitada e exposta a súa cabeza en lugar público para atemorizar á poboación.
  • O 1 de marzo Vigo recibiu o título de cidade tralo comportamento heroico durante a guerra da independencia, engadíndoselle ó seu lema "leal e valorosa".
  • O 30 de maio ten lugar na Coruña un levantamento patriótico, un de cuxos principais instigadores foi Sinforiano López que hoxe en día dá o seu nome a unha rúa da cidade.
  • O 2 de novembro por mor dun temporal, afunden na ría de Viveiro a fragata Santa María Magdalena e o bergantín Palomo, que formaban parte da frota anglo-española destinada a defender as costas do Cantábrico dos navíos franceses. Morreron un total de 550 mariñeiros (480 da fragata e 70 do bergantín) o que a converte nunha das maiores catástrofes marítimas ocorridas nas costas galegas.
  • Sae do prelo da coruñesa imprenta Vila o primeiro libro impreso en lingua galega de autor coñecido. Trátase de Proezas de Galicia de Xosé Fernández Neira.

España

  • En Cataluña a Xunta Suprema do principado, reunida na localidade de Solsona, reclama a devolución dos seus foros e privilexios tradicionais, xunto coa imposición do sistema federativo en España. Nin en Cádiz, nin nas filas francesas atopan ningún eco as súas propostas. Cataluña acaba sendo incorporada a Francia, dividida en catro departamentos e sometida á administración civil do imperio, cousa que non se realiza con ningún outro territorio español.
  • O 24 de setembro na cidade de Cádiz, coa asistencia de 105 deputados, inaugúranse as sesións das Cortes xerais extraordinarias, en realidade constituíntes, na Illa de León (Cádiz). Promovidas dende o inicio da guerra da independencia pola Xunta Central, a súa convocatoria atrasouse debido ao enfrontamento entre os que pretendían unhas Cortes constituíntes e os que avogaban polas tradicionais; discusión que permaneceu en todo o período de sesións. Os primeiros actos das Cortes constituídas foron afirma-la soberanía nacional, que nelas reside, co cal o goberno da nación emana delas, e designar a Fernando VII como rei lexítimo de España. As Cortes de Cádiz representan o primeiro e máis importante intento de acabar co antigo réxime e implanta-lo liberalismo burgués en España a través da Constitución.

Francia

  • O matemático francés Joseph Fourier expón as primeiras series trigonométricas, que aplica á resolución de problemas físicos, especialmente sobre a propagación do movemento en cordas vibrantes e a propagación da calor. Estes traballos constitúen unha introdución ao concepto moderno de función, á análise funcional e ó cálculo integral. Coa aparición da "Teoría analítica da calor" no 1822, primeiro estudo matemático da propagación da calor nos sólidos, Fourier establece as ecuacións do movemento uniforme da calor. O emprego das súas series trigonométricas permite desenvolver en series converxentes certo tipo de funcións descontinuas, unha análise fundamental para a física matemática e de gran repercusión no estudo dos fenómenos eléctricos.
  • Napoleón ordena destruí-lo manuscrito "De l'Allemagne", de Madame Staël. A baronesa Germaine de Staël-Hoistein, que nacera o 22 de abril de 1766 en París, chamada comunmente Madame de Staël, pronto toma partido pola revolución de 1789, participa en intrigas políticas e esperta a desconfianza do poder local ao publicar en 1802 a súa novela "Delphine", onde deixa translucir as súas fortes conviccións liberais e afírmase no seu prestixio intelectual. Tralo seu fracasado intento de se-la inspiradora da política de Napoleón durante os anos do Consulado, en 1810 intenta publicar o seu ensaio titulado "De l'Allemagne", pero a policía imperial confíscao e destrúeo. Nel, a autora exhorta os intelectuais franceses a manifestar a súa confianza na liberdade e a asinar, segundo o modelo alemán, a superioridade do espírito sobre a materia. Considera que Francia, cansada pola revolución, perdeu esta fe na liberdade creadora individual, a mesma que permitiu a Alemaña, aínda que dividida politicamente, atopar no sentido de unidade nacional as forzas necesarias para a súa recuperación.
  • O 2 de abril celébranse na capital francesa, con gran pompa, as segundas nupcias do emperador Napoleón I, con 40 anos de idade, coa arquiduquesa María Luísa, 22 anos máis xove, filla do emperador austríaco Francisco I e de María Tareixa de Nápoles. Con este matrimonio, Napoleón lexitima o seu título de emperador e obtén unha serie de importantes vantaxes políticas. Froito deste matrimonio, nacerá o 20 de marzo de 1811 o único descendente de Napoleón, Napoléon François Charles Joseph Bonaparte, quen recibirá o título de rei de Roma nada máis nacer. Nomeado sucesor ó trono de Francia polo seu pai só chegou a reinar entre o 22 de xuño e o 7 de xullo de 1815, morrendo moi novo de tuberculose, o 22 de xullo de 1832, cando contaba 21 anos. Napoleón estivera casado anteriormente con Marie Josèphe Rose Tascher de La Pagerie, viúva do vizconde Alexandre de Beauharnais, sen que tiveran fillos. A voda celebrárase apresuradamente o 9 de marzo de 1796, o día anterior á coroación do emperador. Estiveron casados durante 14 anos ata que o tribunal eclesiástico de París anulou o matrimonio en 1809. Xosefina sempre tivo grande ascendente sobre Napoleón, mesmo despois da separación, ata a súa morte en 1814 en Malmaison, onde se retirara logo da separación.

Inglaterra

  • O 3 de marzo chega a Gran Bretaña o escritor español José María Branco Crespo, máis coñecido como Blanco White, logo de que partira de Cádiz ante a invasión de Andalucía polas tropas francesas. Nado en Sevilla o 11 de xuño de 1775, Blanco White viña dunha familia de orixe irlandesa. A instancias dos seus pais, ordenouse sacerdote, e no 1801 gañou por oposición unha coenxía en Cádiz, que máis tarde abandonou para marchar á capela real de San Fernando (en Sevilla). Durante a guerra da Independencia colaborou co xornal sevillano "El Semanario Patriótico", que dirixía Quintana, a cuxos faladoiros adoitaba asistir. Xa en Inglaterra comezou a publicar nas revistas "O Español" e, máis tarde, "Variedades", onde defendeu a independencia das colonias iberoamericanas, editou textos medievais españois e publicou importantes ensaios. Home contraditorio (Menéndez Pelayo considerábao un verdadeiro heterodoxo), as súas crenzas relixiosas sufriron sucesivas revoltas, converténdose primeiro ao anglicanismo e logo ao unitarismo. Malia a súa longa e definitiva permanencia en Inglaterra (Blanco White morrería en Liverpool no 1841), España foi unha referencia constante e obsesiva na súa obra. A pesar de que o seu texto máis famoso, o soneto "Night and Death" ("Mysterious Night! when our first parent knew"), está escrito en inglés, nunca deixou de escribir en castelán. De tendencia neoclásica nos seus inicios españois, a posterior influencia do romanticismo inglés converteuno no primeiro poeta romántico español. O radicalismo de moitas das súas ideas fixo que a súa obra fose practicamente descoñecida en España, ata a edición da súa "Obra inglesa" (1972), ao coidado de Juan Goytisolo.

Escocia

  • En Ruthwell (Escocia), dátase neste ano a creación da primeira caixa de aforros. O reverendo Henry Duncan foi o seu impulsor. As caixas de aforros nacen coa intención de recoller e gardar o diñeiro dos obreiros, a cambio duns pequenos xuros. Non teñen, a diferenza dos bancos, un fin lucrativo e os seus beneficios son empregados en obras sociais. O exemplo da institución de aforro escocesa será rapidamente imitado en todo o Reino Unido e posteriormente espallarase en Europa. O parlamento británico promulgará unha lei en 1817, na que se apoia e fomenta a creación de caixas de aforros. A necesidade deste tipo de institucións fora teorizada, anos antes da fundación da caixa de Ruthwell, polo político e economista inglés Jeremy Bentham. Os pequenos aforros dos obreiros ingleses estaban protexidos.

Alemaña

Suecia

  • O 21 de agosto, o Parlamento sueco, reunido na cidade de Örebro, acepta a proposta do rei Carlos XII, de 63 anos e sen fillos, e designa príncipe herdeiro un francés católico, antigo republicano e agora mariscal de Napoleón e cuñado seu. Trátase do mariscal Charles Jean-Baptiste Bernadotte, duque de Pontecorvo, de 43 anos, quen chegaría a reinar co nome de Carlos XIV. A elección de Bernadotte mostra o peso que adquiriu Napoleón I en Europa: para boa parte do pobo sueco, unha alianza co poderoso emperador dos franceses garante ao país a súa independencia e a posibilidade de recuperar Finlandia, que permanece en poder dos rusos. Bernadotte realizou unha brillante carreira militar; tiña apenas 30 anos cando foi ascendido a xeneral de división, e considerábano un dos poucos posibles rivais de Napoleón. Tivo unha participación moi destacada na guerra contra a segunda coalición tendo ao seu mando o exército do Rhin, antes de ser designado ministro da Guerra, en 1799. En 1805 mandou un dos corpos da Grande Armée, e a súa actuación durante as campañas de 1806 e 1807 considérase decisiva, aínda que algúns lle reprochan permanecer inactivo durante a Batalla de Jena. Talvez ese feito explique por que foi relevado do mando do noveno corpo do exército e por que rompeu con Napoleón. Para o emperador, o traslado de Bernadotte a Estocolmo fai desaparecer un motivo de friccións internas e, ao mesmo tempo, parece estender a súa influencia en Europa. Bernadotte tivo que converterse ao luteranismo para acceder ao trono sueco.

Resto de Europa

  • O 20 de febreiro foi executado Andreas Hofer, nado en 1767 en St Leonhard in Passeier, xefe popular da rebelión tirolesa contra Francia e Baviera. Cando o seu país foi entregado a Baviera, Hofer encabezou unha insurrección armada e, co apoio dos austríacos, derrotou os bávaros no Monte Isel, preto de Innsbruck, en maio de 1809. O antigo soldado austríaco, dono dun hostal no val do Passeier, converteuse así en dono da provincia. Pero os acordos de paz asinados en Schönbrunn cambiaron a situación: o Tirol quedou en mans das tropas francesas dirixidas polo mariscal Lefebvre. Hofer recorreu entón á guerra de guerrillas e mantivo en xaque os invasores, grazas ao apoio popular de que gozaba. Mediante emboscadas e audaces golpes de man, os guerrilleiros lograron inflixir importantes perdas aos franceses, e mantiveron vivo o espírito de resistencia contra o invasor. As súas fazañas militares contra un inimigo moi superior en número e en armamento converteron a Hofer nun heroe case mítico, cuxo culto se mantería durante anos. Con todo, vítima da traizón dun dos seus veciños, o xefe tirolés caeu en poder dos franceses. Pouco despois foi conducido a Mantua, onde foi fusilado nese mesmo día.
  • O 30 de xuño, Lois Bonaparte abdica do seu título de rei de Holanda. Este reino fora creado por Napoleón o 5 de xuño de 1806.
  • En xullo, logo da abdicación de Lois Bonaparte e tras un breve reinado de 12 días do seu fillo Napoleón Lois Bonaparte, Napoleón incorpora os Países Baixos ao Imperio francés estruturados en 8 departamentos. Nomea gobernador xeral a Charles-François Lebrun, un antigo cónsul, que terá que facer fronte ao descontento provocado polo bloqueo continental.
  • O 31 de decembro o tsar Alexandre I rompe o bloqueo continental e abre os portos rusos ao comercio dos países neutrais, á vez que prohibe a entrada dos produtos franceses en Rusia. A actitude rusa responde, entre outros motivos, ao malestar que causou no tsar a creación do Gran Ducado de Varsovia, o matrimonio de Napoleón coa arquiduquesa María Luisa de Austria, e as consecuencias que o bloqueo está carreando á economía rusa.

América

  • A case totalidade das colonias españolas en América convulsiónanse baixo movementos de carácter independentista, coma os iniciados en Caracas (19 de abril), Buenos Aires (25 de maio), Bogotá (20 de xullo). Santiago de Chile (18 de setembro) ou Quito (19 de setembro) entre outros. Dende México, o crego Miguel Hidalgo encabeza en setembro unha sublevación contra o vicerrei Francisco Xavier Venegas, quen loitara contra o francés na batalla de Bailén e que á volta de América fora Capitán Xeneral de Galicia. O movemento, que nun principio se presenta cun carácter realista en apoio de Fernando VII, desemboca nun movemento independentista. En Bos Aires comeza a publicarse regularmente, dende o 7 de xuño co apoio das autoridades, "La Gaceta de Buenos Aires", que tivera unha efémera aparición en 1781. Por fin as rúas da cidade poden dispoñer dun xornal de carácter legal e ordinario.
  • Na Illa de León (Cádiz), onde se trasladara dende Sevilla a causa do inminente ataque francés, a Xunta Central Suprema decretou o 25 de maio a súa autodisolución e nomeou un Consello de Rexencia (que xa estaba a traballar desde o 29 de xaneiro). Co territorio peninsular practicamente en mans de Napoleón e, desaparecida a Xunta de Sevilla, perante unha rexencia de discutible lexitimidade e eficacia, os sectores crioulistas independentistas achaban canle propicia para comezar a impoñe-la súa política. Pero tamén entre os leais partidarios da coroa cundiu a alarma pola conquista francesa, e a prevista formación de xuntas de goberno en situacións críticas presentóuselles como solución. Os independentistas entenderon, con todo isto, que era necesario manter a aparencia de lealdade ó rei, a máscara de Fernando VII (como chegaría a chamarse). En Buenos Aires, cabeza do vicerreinado do Río da Prata, convocouse un cabido aberto o 22 de maio a instancias de notables crioulos. Pero a decisión de manter o vicerrei Baltasar Hidalgo de Cisneros como presidente da Xunta provocou unha reacción popular. O 25 de maio diante do cabido, unha multitude esixe a destitución do vicerrei e a formación dunha nova xunta cuxos membros serían os dunha lista xa redactada. Ante isto, Cisneros renunciou e quedou establecida a primeira xunta patria que foi presidida por Cornelio Saavedra.
  • O 20 de xullo a poboación de Santa Fe de Bogotá sublévase contra as autoridades coloniais españolas, e convoca un cabido aberto antepoñendo as causas iniciadas polo incidente do Floreiro de Llorente. As primeiras medidas son a creación dunha Xunta Suprema do reino de Nova Granada, a liberación do cóengo Andrés María Rosillo, preso polas súas ideas liberais, e a prisión do vicerrei Antonio José Amar y Borbón. A convocatoria do cabido aberto de Santa Fe de Bogotá constitúe o inicio do movemento emancipador de Nova Granada.
  • Miguel Hidalgo, crego da cidade de Dolores Hidalgo, na intendencia mexicana de Guanajuato, decátase de que foi descuberta a conspiración tramada en Querétaro contra as autoridades coloniais e decide proclama-la loita aberta. Así, na primeira misa do 16 de setembro lanza o seu berro de guerra: "Viva América e morra o mal goberno!", "Viva a nosa Santísima Nai de Guadalupe!". Os realistas, máis tarde, oporíanse ó culto da Virxe india e cambiaríanlle o nome polo de Virxe dos Remedios. Logo de tomar Celaya o 22 de setembro, Hidalgo é designado capitán xeneral e asume a dirección política do movemento. Secúndao no mando militar Ignacio Allende. Non tarda Hidalgo en gañarse á maioría dos indios da rexión, que chegarían a sumar uns 50 000 combatentes. A achega indíxena constitúe un trazo singular, non repetido nas loitas pola independencia doutras rexións da América hispana. Trala toma de Guanajuato (o 28 de setembro), Hidalgo declarou abolida a escravitude e os tributos dos indios. Mentres, o vicerrei organiza as súas forzas co apoio da aristocracia hispana e crioula. Perdida Guadalaxara, onde formaran goberno, os líderes patriotas foxen a Zacatecas. Hidalgo, relevado pola súa impericia no mando militar, é capturado con outros xefes en Acatita de Baján o 21 de marzo de 1811. Tras dun xuízo militar fusiláronos en Chihuahua o 30 de xullo de 1811.
  • O 2 de novembro, o presidente estadounidense James Madison, que sucedeu nas eleccións do 4 de marzo de 1809 a Thomas Jefferson, restablece a liberdade de comercio co imperio francés. É unha forma de opoñerse á actitude británica, que está apoiando a rebelión do xefe indio Tecumseh e impón a inspección dos buques estadounidenses, por medio do dereito de visita.

África

  • Shaka, rei dos zulús que estará no poder ata 1828, funda en África austral un imperio sanguinario, coñecido como Zululandia. Transformará o seu pobo nunha nación militar que, trala súa morte, fundará varios reinos na rexión dos Grandes Lagos. A maioría deles estarán enfrontados no 1879.

1811

Artigo principal: 1811.

América

El Sensato.

Europa

Guerra de Independencia española

  • 11 de outubro: O xeneral Mina chega a Ayerbe para sitiar e atacar á numerosa guarnición francesa, que estaba fortificada no palacio do marqués de Ayerbe.

1812

Artigo principal: 1812.

Arte e cultura

Ciencia e tecnoloxía

1813

Artigo principal: 1813.

1814

Artigo principal: 1814.

1815

Artigo principal: 1815.

1816

Artigo principal: 1816.

Arte e cultura

Ciencia e tecnoloxía

1817

Artigo principal: 1817.

Ciencia e tecnoloxía

1818

Artigo principal: 1818.

España

África

América

Europa

1819

Artigo principal: 1819.