Dánao
Na mitoloxía grega, Dánao foi un dos fillos de Belo, un rei exipcio, e Anquínoe, a filla do deus fluvial Nilo. Belo era fillo de Poseidón e Libia, da cuxa unión naceron dous fillos xemelgos: Belo e Axenor. Belo quedou en Exipto e alí, casado con Anquínoe, tivo tamén dous fillos xemelgos, Dánao e Exipto [1], entre os que dividiu o seu reino: Libia para Dánao e Arabia para Exipto.
"Belo permaneceu en Exipto onde reinou, casou con Anquínoe, filla de Nilo, e tivo os xemelgos Exipto e Dánao e, segundo Eurípides, ademais a Cefeo e Fineo. Logo, Belo instalou en Libia a Dánao e en Arabia a Exipto".(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica II, 1, 4)
Exipto, o irmán de Dánao, conquistou as terras próximas das beiras do río Nilo, o país dos melámpodes ou pés negros [2], e ameazou o reino de Dánao, ou ben este sentiuse ameazado pola ambición expansionista do irmán, ou ben seguiu o consello dun oráculo [3]. O caso é que Dánao, seguindo o consello de Atenea, abandona Libia nun barco,[4] e foxe coas súas cincuenta fillas, as Danaides, habidas de diversas esposas, para chegar a Rodas, onde ergue un templo e erixe unha estatua de Atenea Linda (de Lindos, cidade de Rodas). Tres das Danaides morreron durante a estancia na illa.
Dánao continuou a viaxe e desembarcou en Argos, onde reinaba o rei Xelanor. As distintas fontes discrepan na narración do que aconteceu entre eles: para uns, Xelanor cedeulle espontaneamente a coroa, pero para outros foi Dánao quen reclamou o reino argüíndo que fora elixido polos deuses para ser o rei de Argos. Ábriuse unha longa discusión entre os dous, diante do pobo arxivo, e sen ter chegado a ningún acordo, deciden adiar a decisión ó día seguinte. Pero durante a madrugada sucedeu un feito prodixioso: un lobo saíu dun bosque próximo e atacou un rabaño que pasaba diante da cidade, saltou sobre un touro e non tardou en sometelo e darlle morte. Os arxivos interpretaron o feito identificando o lobo con Dánao, que viña só e de lonxe, e acordaron que fose el o novo rei, porque se non, tomaría o trono violentamente. Xelanor abdicou e Dánao ofreceu sacrificios e levantou outro templo, desta volta a Apolo Licio (do lobo) [5], e chamou Dánaos ós habitantes do seu reino [6].
Pero o novo reino de Dánao estaba a sufrir unha forte seca a consecuencia da disputa entre Poseidón e a deusa Hera polo dominio e veneración na cidade de Argos. Nomearan árbitros ós deuses fluviais Ínaco, Cefiso e Asterión, que terminaron decidindo a favor de Hera, e a reacción de Poseidón, cheo de cólera, foi secar tódalas fontes e ríos da Argólida [7]. Dánao e as súas fillas as Danaides non atopaban auga que beber, e Dánao mandounas con grandes cántaras a buscar auga. Unha delas, Amimone disparou unha frecha contra un cervato pero foi dar a un sátiro que dormía baixo unha árbore. O sátiro intentou violar á rapaza pero esta pediu axuda e Poseidón acudiu no seu socorro, axotou ó sátiro e Amimone entregouse ó deus. Poseidón, agradecido, fixo brotar a fonte de Lerna da rocha na que cravara o tridente.
"Pero, como carecera de auga a comarca, xa que Posidón ... desecara mesmo as fontes, enviou ás súas fillas a buscar auga. Entón, unha delas, Amimone, disparou unha frecha contra un cervo e foi dar a un sátiro que se achaba durmindo e este, ó acordar, pretendeu violala. Porén, ó aparecer Posidón, o sátiro deuse á fuga. Entón, Amimone fixo o amor co deus e este reveloulle as fontes de Lerna".(Pseudo-Apolodoro II, 1, 4)
As novas da prosperidade do reino de Dánao chegaron ata Exipto, o seu irmán, quen lle propuxo un pacto de paz selando o acordo co matrimonio dos cincuenta fillos de Exipto coas cincuenta fillas de Dánao [8]. Este negouse de novo pero os fillos de Exipto sitiaron a cidade e tivo que simular que aceptaba o múltiple enlace pero, non crendo na sinceridade da proposta do irmán, veu a ocasión de vingar a persecución e o exilio ó que lle sometera este.
Formáronse as parellas por similitude de nome [9], por ter nais de rango similar [10] ou, na maioría dos casos, por simple sorteo. A relación das cincuenta danaides e os seus cincuenta maridos pode consutarse en Grimal, s.v. Danaides, Pseudo-Apolodoro II, 1, 5, e Hixino: Fábulas 170.
Celebráronse os matrimonios e, tralo banquete, entregou unha daga a cada filla, facéndoas prometer que matarían a cadanseu marido durante a noite de vodas. Todas obedeceron a orde do pai excepto a maior, Hipermnestra (ou Hipermestra), que non quixo matar ó seu home, Linceo (ou Lino), porque este respectara a súa vontade de permanecer virxe [11] (ou ben por estar namorada del ou, simplemente, por escrúpulos ante o asasinato), e axudouno a fuxir. Pola súa desobediencia, Dánao pediu a morte da filla, pero o tribunal que a xulgou declarouna inocente, pola intervención de Afrodita. En agradecemento, Hipermnestra levantou unha estatua á deusa no templo de Apolo Licio.
Dánao persoalmente, ou as outras fillas, decapitaron ás súas vítimas e enterraron os corpos en Argos, con honores fúnebres ante as murallas da cidade, e as cabezas en Lerna [12]. Desde entón, Lerna converteuse nun pantano nauseabundo, onde iría vivir a Hidra de Lerna, que matará Heracles no segundo dos seus doce traballos. Zeus ordenou a Hermes e Atenea que purificaran ás Danaides do crime cometido, pero cando morreron foron condenadas ó Hades polo xuíces do Inframundo, e castigadas a encher de auga unha cántara que tiña o fondo perforado, de tal xeito que nunca se daba enchida.
Co tempo, Linceo regresou e matou a Dánao, vingando así a morte dos seus irmáns, se ben outras fontes afirman que se reconciliou con el e casou con Hipermnestra, herdando o seu reino, mentres Dánao entregaba ás outras fillas ós vencedores dunha contenda atlética. Hipermnestra e Linceo reinaron en Argos e deron orixe á dinastía Danaide; os seus netos foron Acrisio, pai de Dánae, e Preto. Hipermnestra foi premiada co acceso directo ós Campos Elisios.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Por veces engádense tamén Cefeo (pai de Andrómeda e esposo de Casiopea) e Fineo (a quen matou Perseo).
- ↑ Chamados así en referencia á lama negra das crecidas do Nilo.
- ↑ Graves di que Exipto xa fixera neste momento a proposta de casar os seus cincuenta fillos coas cincuenta fillas de Dánao, para superar as disputas que tiñan por cousa da herdanza de Belo. Dánao non o aceptou e o oráculo confirmoulle que era só unha estrataxema do irmán para matar ás princesas e quedarse con todo.
- ↑ Pseudo-Apolodoro di que el foi o primeiro en construír un barco (II, 1, 4); Graves matiza que se tratou da primeira embarcación de dobre proa (px. 222).
- ↑ Dánao creu que o lobo que lle deu o trono era o mesmo Apolo disfrazado.
- ↑ Conceptos como Dánaos, Arxivos e, posteriormente, Aqueos convértense así en sinónimos.
- ↑ Tiña prohibido vingarse con inundacións como xa fixera tras unha discusión semellante con Atenea polo dominio de Atenas
- ↑ "De numerosas mulleres tiveron Exipto cincuenta fillos e Dánao cincuenta fillas" (Pseudo-Apolodoro II, 1, 4).
- ↑ A filla de Dánao, Clite, co fillo de Exipto, Clito; Crísipe con Crisipo etc.
- ↑ Hipermnestra con Linceo, os dous de sangue real.
- ↑ Pseudo-Apolodoro II, 1, 5.
- ↑ Segundo Pausanias (II, 24, 2), as cabezas foron enterradas en Larisa e os corpos en Lerna.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Dánao |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Graves, Robert (2019). Los mitos griegos. Gredos. ISBN 9788424999940. (en castelán)
- Grimal, Pierre (1981). Diccionario de mitología griega y romana. Paidós. ISBN 9788449324574. (en castelán)
- Hixino (2009). Fábulas mitológicas. Alianza Editorial. ISBN 9788420650722. (en castelán)
- Pseudo-Apolodoro (2016). Biblioteca mitológica. Alianza Editorial. ISBN 9788491044277. (en castelán)