Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Guerra de Croacia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Guerra de Croacia
Parte de Guerras Iugoslavas

Data 31 de marzo de 1991-12 de novembro de 1995
Lugar Croacia.
Resultado Vitoria do croata.
Cambios territoriais O goberno croata toma o control sobre a maior parte do territorio de Croacia anteriormente en mans dos rebeldes serbios, mentre que o resto permanece baixo o control da UNTAES.
Belixerantes
República Krajina de Serbia
República Serbia (1992-1995)
Croacia Croacia
República de Bosnia e Hercegovina (1995)
Líderes
Slobodan Milošević
Milan Babić
Milan Martić
Goran Hadžić
Mile Mrkšić
Veljko Kadijević
Ratko Mladić
Jovica Stanišić
Croacia Franjo Tuđman
Croacia Gojko Šušak
Croacia Anton Tus
Croacia Janko Bobetko
Croacia Zvonimir Červenko
Croacia Petar Stipetić
Atif Dudaković
Forzas en combate
JNA
145.000 (1991)
RSK
50.000 (1995)
Croacia Croacia
70.000 (1991)
200.000 (1995)
Baixas
RSK
4.177 soldados e 2.650 civís mortos ou desaparecidos.
300.000 desprazados.
JNA
1.279 soldados mortos.
Croacia Croacia
6.788–8.784 soldados e 4.508–7.186 civís mortos ou desaparecidos.
220.000 desprazados.
RBeH
178 soldados e 23 civís mortos.

A Guerra de Croacia ou Guerra da Independencia de Croacia (en croata: Domovinski Rat, Guerra da Patria), en serbio: Рат у Хрватској ou Rat u Hrvatskoj, Guerra en Croacia) foi un conflito bélico que tivo lugar en Croacia desde 1991 até 1995. Inicialmente, a guerra desenvolveuse entre Croacia e o Exército Popular Iugoslavo (JNA). Máis tarde, o conflito derivou nunha loita entre as tropas da nova Croacia independente e as forzas rebeldes da minoría serbia, que á súa vez proclamou a República Serbia de Krajina. Os serbios foron apoiados polo Exército Popular Iugoslavo. O bando croata intentaba establecer a plena soberanía para a República de Croacia, anteriormente constituída como unha república socialista dentro da República Federal Socialista de Iugoslavia, mentres que os serbios querían manterse en Iugoslavia, buscando novos límites en partes de Croacia con maioría étnica serbia ou cunha minoría serbia influente. A guerra resultou particularmente impactante pola súa brutalidade nunha sociedade relativamente desenvolvida en Europa e nos tempos modernos.

Antecedentes. Disensións en Iugoslavia

[editar | editar a fonte]

A guerra en Croacia foi resultado do ascenso do nacionalismo en Iugoslavia durante a década de 1980, que conduciu á disolución da República Federal Socialista de Iugoslavia. A crise comezou a desencadearse en Iugoslavia tras o debilitamento das democracias populares da Europa oriental, na última fase da guerra fría, todo iso simbolizado pola caída do Muro de Berlín en novembro de 1989. En Iugoslavia, a Liga dos Comunistas de Iugoslavia perdera xa gran parte da súa preeminencia ideolóxica.

Nos anos 1980, a axitación secesionista dos movementos albaneses en Kosovo levou á represión da maioría albanesa nesta provincia do sur de Serbia. As repúblicas má prósperas, as norteñas Eslovenia e Croacia, quixeron dar pasos para aumentar a súa autonomía, mesmo cara á independencia e ao establecemento dun sistema político occidental. A República de Serbia, dirixida por Slobodan Milošević, avogaba polo centralismo e o sistema de partido único (o comunista) para toda Iugoslavia (baixo a dirección serbia), terminando por derrogar a autonomía das rexións de Kosovo e Voivodina. Ao mesmo tempo, o Exército Popular de Iugoslavia experimentou un proceso de transformación, pasando de ser un Exército multinacional a converterse nunha forza controlada polos serbios.

Dado o ascenso do nacionalismo baseado nos intereses individuais de cada república, foi facéndose previsíbel a desaparición de Iugoslavia e a súa substitución por uns cantos Estados sucesores. Slobodan Milošević, desde o seu ascenso ao poder en Serbia, tratou de favorecer a continuidade de todos os serbios nun único Estado (agrupando ás maiorías ou minorías serbias das outras repúblicas na longamente soñada "Gran Serbia"). As demandas eslovenas e croatas dunha maior autonomía, incluíndo un status de tipo confederal e, mesmo, unha completa independencia, fixeron medrar así mesmo as ideas nacionalistas entre os altos cargos da aínda gobernante Liga dos Comunistas de Iugoslavia.

A reafirmación de Serbia

[editar | editar a fonte]

En marzo de 1989, a crise en Iugoslavia profundouse tras a adopción dalgunhas emendas á Constitución socialista serbia. A través delas, o Goberno serbio puido reafirmar os seus poderes efectivos sobre as provincias ex autónomas de Kosovo e Voivodina. Dado que estas entidades tiñan dereito a voto a nivel da presidencia federal de Iugoslavia (seis membros das repúblicas e dous das provincias autónomas, agora ex autónomas), Serbia, baixo o seu presidente Slobodan Milošević, obtivo o control sobre tres votos de oito na elección da presidencia federal. Grazas aos apoios adicionais de Montenegro, habitado por serbios) e, ocasionalmente, Bosnia e Hercegovina, Serbia estaba en condicións de exercer unha enorme influencia sobre o Goberno federal. Esta situación ocasionou protestas noutras repúblicas, así como propostas de reforma da federación iugoslava.

Movementos electorais e constitucionais

[editar | editar a fonte]

O debilitamento do réxime comunista permitiu ao nacionalismo estender a súa presenza política, incluso dentro da propia Liga dos Comunistas de Iugoslavia. No XIV Congreso Extraordinario da Liga, celebrado o 20 de xaneiro de 1990, as delegacións das repúblicas mostraron as súas discrepancias sobre os temas principais da federación iugoslava. A delegación croata demandou unha federación menos centralizada, mentres que a delegación serbia, encabezada por Milošević, se opuxo a iso. En consecuencia, os delegados eslovenos e croatas abandonaron o Congreso. Este feito considérase por algúns como o comezo do fin de Iugoslavia.

As primeiras eleccións libres foron convocadas entón en Croacia e Eslovenia para uns poucos meses máis tarde. As eleccións parlamentarias croatas celebráronse entre abril e maio de 1990 (a primeira rolda o 22 de abril e a segunda o 6 de maio).

Ao longo de 1989 fundáranse varios partidos políticos, entre eles a Unión Democrática Croata (Hrvatska Demokratska Zajednica, HDZ), liderada polo nacionalista Franjo Tudjman. A HDZ baseou a súa campaña na aspiración á independencia e nunha retórica xeral antiiugoslava e antiserbia, alimentando nos croatas o sentimento de que só a HDZ podía protexer a Croacia das aspiracións dos sectores serbios liderados por Slobodan Milošević relativas á conformación da Gran Serbia. Deste xeito, logrou encabezar os resultados das eleccións (seguido polos comunistas reformistas de Ivica Racan, o Partido Socialdemócrata de Croacia) e formar un novo Goberno croata.

Un factor importante na preservación dos límites fronteirizos de Croacia foi a axuda internacional recibida, a cargo de membros da diáspora croata. Moitos futuros dirixentes do HDZ, incluíndo a Tudjman, realizaron visitas internacionais durante os 80 e a principios dos 90 con vistas a obter apoio dos emigrantes cara á causa nacional croata. Porén, estes contactos foron xa interpretados por algúns políticos comunistas conservadores (maioritariamente serbios) como mostras de separatismo. Esta sensación foi, ademais, reforzada por algunhas controvertidas declaracións de membros do HDZ e por unha retórica imprudente que era calquera cousa menos pacífica. Serva como exemplo unha recordada declaración pública de Tudjman na que se congratulaba de que a súa muller non fora "nin serbia nin xudía".[1] Adicionalmente, o emprego de iconografía nacionalista, algunha dela recuperada directamente do movemento nacionalista croata que foi responsábel, durante a segunda guerra mundial, da desaparición de probabelmente máis de 100.000 serbios, non contribuíu a rebaixar as tensións.

O 13 de maio de 1990 tivo lugar en Zagreb un partido de fútbol entre o Dínamo de Zagreb e o Estrela Vermella de Belgrado. Os choques entre estes dous equipos iugoslavos, habitualmente rivais nos postos altos da liga do país, sempre foran de alto risco, pero esta vez o encontro dexenerou en violentos incidentes cando os seareiros do Dínamo trataron de saltar os valados cara á zona do estadio onde estaban os seguidores do Estrela Vermella. Rapidamente, estes comezaron a lanzar asentos e anacos de valado sobre os fans do Dínamo, o que fixo innecesaria unha intervención policial. A militia (policía da época comunista) interveu inmediatamente, cargando contra os seguidores do Dínamo (que, recordemos, era o de casa) co resultado de máis de 60 feridos, incluíndo algúns por arma branca, de bala ou intoxicados polo gas lacrimóxeno.[2]

O 30 de maio de 1990 o novo Parlamento croata celebrou a súa primeira sesión, na que o presidente Tudjman anunciou a súa intención de aprobar unha nova Constitución (que sería ratificada a finais dese ano) e propuxo multitude de cambios políticos, económicos e sociais, algúns en relación a se os dereitos das minorías serbia e bosníaca serían garantidos ou non. Os dirixentes serbios locais opuxéronse, temendo que a poboación serbia de Croacia se vira ameazada. A súa principal preocupación era que a nova Constitución cambiara o status dos serbios en Croacia, pasando a ser unha 'minoría nacional' en lugar dunha 'nación constituínte'. Isto finalmente sucedeu coa aprobación da Constitución, a finais do ano.

En agosto de 1990 celebrouse un referendo non oficial nas rexións croatas cunha substancial poboación serbia, que serían posteriormente coñecidas como a República Serbia de Krajina (RSK), situada na fronteira con Bosnia e Hercegovina, sobre a cuestión da autonomía e soberanía serbias en Croacia.

En vermello, República Serbia de Krajina, en Croacia.
Á esquerda, na fronteira con Bosnia e Hercegovina; á dereita, na Eslavonia oriental. Nótese a coincidencia coas antigas Fronteiras Militares de Croacia.

Isto fíxose para tratar de contrarrestar os cambios na Constitución. O Goberno croata tratou de bloquear o referendo enviando forzas policiais ás comisarías de policía rebeldes nas zonas serbias para confiscar as súas armas. Entre outros incidentes, civís serbios do sur de Croacia, a maioría en torno á cidade de Knin, bloquearon as estradas de acceso aos destinos turísticos da costa de Dalmacia. Anos despois, durante o xuízo a Milan Martić, Milan Babić afirmaría que foi enganado por Martić para organizar a revolta, e que esta —así como a guerra en Croacia en si mesma— foi responsabilidade de Martić, dentro dun plan orquestrado por Belgrado.[3] O Goberno croata respondeu ao bloqueo das estradas mediante o envío de corpos policiais especiais transportados por helicópteros, pero estes foron interceptados por avións de combate do Exército Iugoslavo e obrigados a regresaren a Zagreb.

Os serbios de Croacia non trataron nun principio de conseguir a independencia. O 30 de setembro de 1990, o Consello Nacional Serbio declarou "a autonomía do pobo serbio nos territorios históricos nos que vive, e que están dentro das fronteiras actuais da República de Croacia como unidade federal da República Socialista Federal de Iugoslavia".

Tras a elección de Tudjman e a percepción de ameaza nacida da nova Constitución, os serbios nacionalistas da rexión de Kninska Krajina comezaron a realizar accións armadas contra oficiais do Goberno croata. Moitos foron expulsados á forza da RSK. As dependencias do Goberno croata na rexión comezaron a seren controladas polas autoridades locais serbias ou o recentemente instituído "Consello Nacional Serbio". Este acabaría despois por ser o Goberno da rebelde República Serbia de Krajina, que estaba liderado por Milan Babić, o cal foi despois condenado por crimes de guerra polo Tribunal Penal Internacional para a ex Iugoslavia, onde mostrou abertamente o seu arrepentimento polas súas actuacións (ademais de testemuñar contra outros líderes serbios).

O 22 de decembro de 1990 o Parlamento de Croacia ratificou a nova Constitución, cambiando o status dos serbios de Croacia, agora considerados 'minoría nacional' en lugar de 'nación constituínte'. A porcentaxe daqueles que se declaraban serbios, segundo o censo de 1991, era do 12 % (o 78 % da poboación declarábase croata). Isto interpretouse como a anulación dalgúns dos dereitos que a anterior Constitución (socialista) concedera aos serbios de Croacia, alimentando así o extremismo entre eles. Ademais, moitos serbios comezaron a perder os seus empregos na Administración Pública croata, particularmente tras a ratificación da Constitución. Isto non fixo mais que aumentar aínda máis a tensión.[4][5]

Así mesmo, Eslovenia encontrábase neses momentos inmersa no seu propio proceso cara á independencia. O 23 de decembro de 1990 —un día despois da ratificación da nova Constitución croata— Eslovenia celebrou un referendo de autodeterminación no que os votos a favor da independencia alcanzaron o 88 %.

Inmediatamente despois do referendo esloveno e a nova Constitución croata, o Exército Popular de Iugoslavia (JNA) anunciou a adopción dunha nova doutrina de defensa para todo o país. A doutrina da era Tito, segundo a cal cada república mantiña a súa propia forza de defensa territorial (Teritorijalna Obrana, ou TO), sería substituída por un sistema centralizado de defensa. As repúblicas perdían as súas competencias en materia de defensa, e as súas TO serían desarmadas e subordinadas ao Cuartel Xeral do exército federal en Belgrado.

As forzas militares

[editar | editar a fonte]

O Exército Popular de Iugoslavia (JNA) formouse inicialmente durante a segunda guerra mundial, en forma de guerrilla contra a ocupación alemá. O éxito do movemento partisano iugoslavo levou ao JNA a basear gran parte da súa estratexia operacional nas tácticas de guerrilla. Dada a peculiar posición política de Iugoslavia en Europa, os planificadores estratéxicos do Exército podían esperar ter que facer fronte a un ataque tanto da OTAN como das forzas do Pacto de Varsovia. Esperando ser, en ambos os casos, claramente superado en potencial bélico, o JNA decidiu desenvolver unha estratexia baseada principalmente na guerrilla, o que se demostraría desastroso na guerra que estaba por ver, xa que o JNA encontrouse a si mesmo nun escenario bélico no que debía desempeñar a posición de atacante sen apoio da poboación civil no terreo, xusto o tipo de papel que definira e estudara para un hipotético invasor de Iugoslavia.

Caza MiG-21.

Aínda, sobre o papel, o JNA parecía ser unha forza poderosa, con 2.000 tanques e 300 avións de combate (todos eles de fabricación nacional ou soviética). Porén, en 1991 a maioría deste equipamento tiña máis de 30 anos: os modelos máis estendidos, o tanque T-54/55 e o caza MiG-21, que constituían o 60 % e o 40 % das forzas blindadas e da forza aérea, respectivamente.

Pola contra, os mísiles antitanque (como o AT-5) e antiaéreos (como os SA-14) eran máis modernos e bastante abundantes, e estaban deseñados para destruír armamento moito máis avanzado. Ademais, o JNA era unha forza multinacional: os conflitos políticos e a loita civil supuxeron a deserción de moitos homes (especialmente entre os cadros de oficiais, moitos deles procedentes das rexións do norte de Iugoslavia, máis desenvolvidas), prexudicando así seriamente a efectividade do Exército.

Durante 1991 forzas paramilitares como os Beli Orlovi, ou os Srpski Četnički Pokret desempeñaron un importante papel no ataque ás forzas iugoslavas e serbias.

Coa retirada de Croacia das forzas do JNA en 1992, unidades do mesmo foron reorganizadas como o Exército Serbio de Krajina, que foi un herdeiro directo do JNA, con escasas melloras organizativas.

Pola súa parte, o Exército Croata encontrábase aínda en peor estado. Na primeira fase da guerra a falta de unidades militares supuxo que a policía debera facerse cargo da maior parte do esforzo bélico. Finalmente, os corpos policiais terminarían por formaren o núcleo da nova forza militar en xestación, inicialmente denominada "Zbor Narodne Garde" (ZNG), e máis tarde "Hrvatska Vojska" (HV), que foi fundado en 1990, pero non desenvolvido realmente até 1993. O armamento sempre foi escaso, e moitas unidades foron formadas incluso desarmadas ou provistas de rifles da segunda guerra mundial. O Exército croata dispoñía tan só dunha presa de tanques (provenientes da segunda guerra mundial, como os T-34) e a súa forza aérea era aínda máis deficiente: uns poucos e vellos biplanos fumigadores Antonov An-2 reconvertéronse para lanzar bombas. O Exército estaba, porén, altamente motivado, e estruturado en unidades de combate locais —de modo que a xente dun pobo defendería a súa propia terra— o que supoñía que serían moi efectivas ao loitar no seu propio terreo. En agosto de 1991, o Exército croata tiña menos de 20 brigadas, que serían aumentadas a 60 contra finais dese ano tras a mobilización xeral ordenada en outubro. Tomando os cuarteis do JNA na chamada Batalla dos Cuarteis conseguirían aliviar significativamente o problema da escaseza de equipamento. Voluntarios locais e organizacións paramilitares como as HOS foron formadas rapidamente para mitigar o problema da falta de unidades, sendo posteriormente integradas no exército regular.

Contra 1995 o Exército Croata converteuse nunha forza de combate efectiva —probabelmente a mellor da rexión—fundamentada nas forzas de élite "Brigadas de Garda" (oito) e nos menos efectivos "Rexementos Nacionais de Defensa" e brigadas regulares. Esta organización supoñía que, en posteriores campañas, o Exército Croata perseguiría desenvolver unha variante de blitzkrieg coas Brigadas de Garda asumindo o papel de abrir brechas nas liñas, mentres outras unidades se dedicarían a aguantar a liña e completar o cerco e illamento das unidades inimigas.ć

1991 Preparativos. Inicio da guerra

[editar | editar a fonte]

O odio étnico ía en aumento, e varios incidentes alimentaron a maquinaria propagandística de ambos os bandos, causando á súa vez maior odio. O conflito pronto desembocou en incidentes armados nas zonas serbias rebeldes. O incidente do lago de Plitvice, a finais de marzo de 1991, foi un dos máis representativos.

Un dos primeiros edificios destruídos foi a Torre da auga en Vukovar.

En abril de 1991 os serbios de Croacia iniciaron serios movementos cara á secesión. É materia de debate até que punto este movemento tivo orixe local ou estivo promovido desde Belgrado polo Goberno serbio encabezado por Milošević. En calquera caso, autoproclamouse a República Serbia de Krajina, o que foi visto polo Goberno croata como unha rebelión. Usualmente considérase este feito como o comezo da Guerra de Croacia que, por tanto, iniciouse nas zonas do país nas que existía unha substancial porcentaxe de poboación etnicamente serbia.

O ministerio croata do Interior comezou, en consecuencia, a armar ás cada vez máis numerosas forzas especiais de policía, convertendo a estas, de facto, nun auténtico exército. o 9 de abril de 1991, o Presidente croata Franjo Tudjman ordenou rebautizar a estes corpos como Zbor Narodne Garde ("Garda Popular"), determinando así a creación dun exército separado para Croacia.

Mentres tanto, o exército federal iugoslavo (JNA) e as forzas locais da Defensa Territorial permaneceron baixo o mando do Goberno federal liderado por Milošević. Cando chegou o caso, o JNA posicionouse canda ás forzas serbo-croatas locais, intervindo contra as unidades de policía croatas.

O 19 de maio de 1991, as autoridades croatas celebraron un referendo de autodeterminación, ofrecendo entre as opcións o permanecer en Iugoslavia cunha unión menos estreita (de tipo confederal). As autoridades serbias locais fixeron un chamamento a favor do boicot da consulta, que foi seguido amplamente polos serbocroatas, co que o voto a favor da independencia alcanzou o 94,17 %.

Croacia declarouse independente e "razdruženje" (desmembrada) de Iugoslavia o 25 de xuño de 1991, aínda que a Comisión Europea aconsellou ás autoridades croatas que aprazaran a decisión. Croacia acordou entón conxelar a súa independencia por tres meses, axudando así a calmar un pouco as tensións.

1991 A guerra

[editar | editar a fonte]
Zonas poboadas por serbios en Croacia (segundo o censo de preguerra de 1991).
Mapa estratéxico do plan de ofensiva do JNA en Croacia, 1991.
Tanque croata estándar T-55.
Casa croata destruída como parte da limpeza étnica.

Un mes despois da declaración de independencia, as forzas serbias controlaban aproximadamente unha cuarta parte do país, basicamente as zonas con poboación predominantemente serbia. Tiñan unha clara superioridade en armamento e equipamento, e a posibilidade de desenvolver unha estratexia ofensiva. Progresivamente, desde o comezo da guerra aberta, as cidades de Dubrovnik, Šibenik, Zadar, Karlovac, Sisak, Slavonski Brod, Osijek, Vinkovci e Vukovar foron atacadas por forzas serbias.

A ONU impuxo un embargamento de armas, que afectou en moita maior medida ao novo exército croata que ás forzas serbias apoiadas polo JNA. Isto forzou aos croatas a comezar o contrabando de armas a través das súas fronteiras e da costa dálmata. Un gran número delas chegaron desde Hungría grazas a un acordo secreto co Goberno húngaro.

En xuño/xullo, a breve Guerra dos Dez Días en Eslovenia chegou a unha rápida e clara solución pacífica, en parte grazas á homoxeneidade étnica da poboación eslovena, e desembocou na independencia deste país. Durante este conflito, un gran número de soldados croatas e eslovenos negáronse a loitar co JNA e comezaron a desertar.

En xullo, nun intento de salvar o que quedaba do país menos Eslovenia, as forzas do JNA víronse envolvidas en operacións contra zonas de maioría croata, como as rexións costeiras na Batalla de Dalmacia. A guerra a grande escala estalou en agosto. Como sucedera en Eslovenia, cando os soldados croatas se negaron a loitar ao comezo das operacións en Croacia, militares pertencentes a grupos étnicos como os albaneses, macedonios e bosníacos tamén comezaron a desertar en masa do JNA. Despois disto estímase que un 90 % dos soldados do JNA eran serbios, quedando por tanto o exército federal de Iugoslavia, de facto, como un exército serbio.

En agosto de 1991 a cidade fronteiriza de Vukovar foi sitiada, dando comezo así á Batalla de Vukovar. Tropas serbias rodearon completamente a cidade. A poboación croata, incluíndo a 204ª Brigada de Vukovar, atrincheirouse na cidade e mantivo as súas posicións contra un gran número de brigadas mecanizadas de elite do JNA, apoiadas por unidades paramilitares serbias. Civís etnicamente croatas refuxiáranse na cidade, mentres que outros grupos fuxiron en masa das zonas en conflito. En termos xerais, os croatas escaparon das zonas fronteirizas con Bosnia e Serbia, mentres os serbios movíanse cara a elas.

Hai evidencias das extremas privacións sufridas pola poboación de Vukovar naqueles momentos.[6] Algunhas estimacións cifran en 220.000croatas e 300.000 serbios o número de persoas desprazadas á forza durante a guerra en Croacia. Nos peores momentos do conflito, a finais de 1991, cerca de 550.000 persoas convertéronse temporalmente en refuxiados no lado croata. O censo de 1991 e o de 1993 mostran unha diferenza, na República Serbia de Krajina, de cerca de 102.000serbios e 135.000 croatas. En moitos lugares grandes grupos de civís foron desaloxados polos militares. Isto foi cualificado de limpeza étnica, un termo que comezou entón a empregarse e no que podía entenderse desde o desaloxo até o asasinato dos civís pertencentes a un determinado grupo étnico.

Véxase tamén: Limpeza étnica.

O Presidente Tudjman realizou unha declaración o 5 de outubro de 1991 chamando a toda a poboación a mobilizarse e defenderse contra o que definía como o "imperialismo da Gran Serbia", levado a cabo polo proserbio JNA, formacións paramilitares serbias e forzas serbocroatas rebeldes. O 7 de outubro, unha explosión tivo lugar no edificio do Goberno en Zagreb, no que estaban Tudjman, Mesić e Marković. A explosión destruíu moitas dependencias de Banski dvori, pero non conseguiu matar a ningún dos líderes. O Goberno declarou que fora un ataque aéreo a cargo da aviación do JNA. Ao parecer, o exército croata recibira informacións do aeródromo de Bihac (que pertencía ao JNA) o día antes sobre que unha misión aérea ultrasecreta se estaba preparando para o día seguinte, pero estas informacións non foron tidas en conta dada a falta de detalles.[7] O JNA negou a súa responsabilidade na explosión, acusando dela ao propio Goberno croata. Existen opinións que sosteñen que algunhas das poucas embaixadas e consulados que había entón en Zagreb retiraran parte do seu persoal ese día, suxerindo que existía información previa sobre un próximo ataque aéreo ou bomba. En calquera caso, ao día seguinte o Parlamento croata cortou todos os lazos aínda existentes con Iugoslavia. O 8 de outubro é, hoxe en día, considerado o Día da Independencia de Croacia.

O suposto bombardeo do Goberno en Zagreb e o Asedio de Dubrovnik, comezado en outubro, foron os factores determinantes na decisión tomada no seo da Comunidade Europea no sentido de impoñer sancións a Serbia.

A situación para os croatas en Vukovar en outubro e comezos de novembro fíxose cada vez máis desesperada. Contra o final da batalla, un número progresivo de civís croatas en hospitais e refuxios protexidos pola Cruz Vermella foron golpeados por forzas serbias. Desde 2006, tres antigos oficiais do exército iugoslavo están sendo xulgados por estes masacres no Tribunal Penal Internacional para a ex Iugoslavia (TPII) na Haia.[8]

Rúa con edificios en ruínas despois da caída de Vukovar.

Veselin Šljivančanin, Mile Mrkšić e Miroslav Radić negan os cargos de asasinato, tortura e persecución. A fiscalía afirma que tras a captura de Vukovar, o exército iugoslavo (JNA) entregou a moitos centos de croatas a forzas serbias. Deles, polo menos 264 (incluíndo soldados feridos, mulleres, nenos e anciáns) foron asasinados e sepultados en foxas comúns no barrio de Ovcara, ás aforas de Vukovar. O alcalde da cidade, Slavko Dokmanović, tamén foi procesado polo Tribunal, pero suicidouse en 1998 na súa cela, antes de que o proceso comezara.

O 18 de novembro de 1991 Vukovar caeu en mans serbias tras un asedio de tres meses, e nesas datas tivo lugar o masacre de Vukovar, sendo os superviventes transportados a campos de prisioneiros, a maioría deles ao campo de concentración de Sremska Mitrovica. A cidade de Vukovar foi destruída case por completo. O persistente foco de atención no asedio facilitou a atención da opinión pública internacional. Moitos periodistas internacionais seguiron a situación desde a propia Vukovar ou nos seus arredores, así como o mediador da ONU, Cyrus Vance (antigo Secretario de Estado do Presidente Jimmy Carter).[9] Paradoxalmente este asedio, a pesar da súa brutalidade (ou quizais por iso), contribuíu co seu impacto nos medios ao comezo da resolución do conflito. Supostamente, segundo afirmaron as autoridades croatas do momento, a rendición de Vukovar foi un intento de previr maiores devastacións en Dubrovnik e outras cidades.

Avance do JNA a través de Eslavonia Oriental.

O 19 de decembro de 1991, durante a fase máis dura da guerra, as Rexións Autónomas Serbias de Krajina e Eslavonia Occidental autoproclamáronse independentes como a República Serbia de Krajina.

A comezos de novembro de 1991 o exército croata comezara un exitoso contraataque en Eslavonia Occidental, establecendo un punto de inflexión no desenvolvemento da guerra. A Operación Otkos 10, realizada entre o 31 de outubro e o 4 de novembro de 1991, supuxo para Croacia a recuperación de 300 km² nas zonas comprendidas entre os montes Bilogora e Papuk.

Realizáronse posteriores avances na segunda metade de decembro -Operación Orkan 91– pero nese momento estaba a punto de firmarse un alto ao fogo duradeiro (en xaneiro de 1992). En seis meses, 10.000 persoas morreran, centos de miles fuxiran, e decenas de miles de casas foran destruídas.

A finais de 1991, todos os partidos democráticos croatas acordaron unir as súas forzas para formaren un Goberno de unidade nacional e enfrontarse ao exército iugoslavo e os paramilitares serbios.

Firmáronse frecuentes acordos de alto ao fogo, coa mediación de diplomáticos estranxeiros, pero eran habitualmente violados en pouco tempo. Isto foi incluso parte da táctica de ambas as partes. Os croatas perderan moito territorio, pero conseguiran ampliar o exército desde as sete brigadas que tiña no momento da sinatura do primeiro cesamento das hostilidades, até as 64 das que dispoñía cando se asinou o último alto ao fogo.

1992 Alto ao fogo finalmente duradeiro

[editar | editar a fonte]
Un tanque serbio destruído polo exército croata na estrada de Drniš.

O último acordo de alto ao fogo promovido pola ONU, o 21º, alcanzouse en xaneiro de 1992. Xa en decembro de 1991, tras esta longa restra de treguas fracasadas, as Nacións Unidas despregaron un destacamento de protección na Croacia ocupada por forzas serbias. A UNPROFOR despregouse para supervisar e manter o acordo. O 7 de xaneiro de 1992, o piloto do JNA Emir Šišić derribou un helicóptero da Comunidade Europea en Croacia, matando a cinco observadores de paz. Croacia foi oficialmente recoñecida pola Comunidade Europea o 15 de xaneiro de 1992.

O JNA progresivamente foise retirando de Croacia —incluso de Krajina— aínda que grupos paramilitares serbios mantiveron claramente o control dos territorios ocupados.

As partes en conflito desprazaron maioritariamente as súas forza cara a outras zonas, a tomar posicións, por exemplo, o JNA pronto se retirou de Croacia cara aBosnia, onde a guerra estaba a punto de estalar.

Croacia converteuse en membro das Nacións Unidas o 22 de maio de 1992. A admisión condicionouse á adopción de emendas á Constitución croata que protexeran os dereitos humanos das minorías nacionais.

Pero o conflito armado en Croacia continuou intermitentemente a pequena escala. Desenvolvéronse multitude de pequenas operacións a cargo de forzas croatas, co obxectivo de romper o cerco de Dubrovnik e outras cidades (Šibenik, Zadar e Gospić) e impedir esporádicos ataques serbios con foguetes que non desapareceran nin sequera coa presenza de tropas da ONU (por exemplo, Osijek, a terceira cidade croata en tamaño, viviu baixo unha constante alerta oficial de bombardeo até mediados de 1993, mentres Šibenik, un dos maiores centros turísticos da costa dálmata, recibiu un foguete ou dous case cada semana, especialmente durante os meses de verán). Unha lista parcial destas operacións foron:

  • a Batalla de Miljevci (entre Krka [Croacia] e Drniš), 21 – 22 de xuño de 1992
  • na zona de Dubrovnik:
    • Operación Tigar, 1 – 13 de xullo de 1992
    • en Konavle, 20 – 24 de setembro de 1992
    • en Vlaštica, 22 – 25 de setembro de 1992
    • as que seguiron á retirada do JNA de Konavle e Prevlaka, 30 de setembro – 20 de outubro de 1992
  • no outeiro de Križ, cerca de Bibinje e Zadar

Tamén Slavonski Brod e Županja foron frecuentemente bombardeadas desde partes de Bosnia ocupadas por forzas serbias.

1993 Avances militares croatas

[editar | editar a fonte]

O conflito intermitente en Croacia continuou en 1993 a menor escala que en 1991 e 1992. Realizáronse máis operacións exitosas a cargo das forzas croatas, que recuperaron territorio e liberaron cidades dos bombardeos serbios (por exemplo, Zadar e Gospić), pero entre o alto ao fogo de 1992 e as ofensivas croatas de 1995, a loita foi moi limitada, e as accións militares desenvolvidas nese período de tres anos e medio ocuparon só, en total, unhas dúas semanas.

Ao longo de 1993 déronse tres operacións notábeis:

  • na presa hidroeléctrica de Peruća, 27 – 28 de xaneiro de 1993.
  • Operación Maslenica, cerca de Zadar, 22 de xaneiro – 10 de febreiro de 1993.
  • Operación Medak, na zona cerca de Gospić, 9 – 17 de setembro de 1993.

Mentres que a maioría destas operacións foron éxitos relativos para o Goberno croata, a fracasada Operación Medak danou a reputación internacional do país. Isto levou ao exército croata a non realizar máis accións ofensivas durante os seguintes 12 meses. O TPII da Haia investigou máis tarde aos oficiais croatas Janko Bobetko, Rahim Ademi, Mirko Norac e outros por crimes cometidos durante esta operación.

Aprobáronse diversas resolucións na ONU esixindo a Croacia que se retirara ás posicións que ocupaba previamente e que contivera as operacións militares. Algúns elementos croatas sentíronse agraviados, xa que ningunha resolución da ONU esixira aos serbios non atacar Croacia nos comezos da guerra (cando os disturbios eran considerados conflitos internos, non asuntos internacionais). En outubro de 1993, o Consello de Seguridade das Nacións Unidas afirmou por primeira vez que as zonas baixo administración da ONU, protexidas pola UNPROFOR, eran parte integral da República de Croacia.

As tropas da UNPROFOR xeralmente non fixeron máis nada observar durante o período 1992-1995. Porén, serviron para fixar as fronteiras delimitadas pola guerra. Deste modo, fracasaron no intento de dar aos refuxiados algunha posibilidade de regresar ás súas casas. Estímase que o 98 % da poboación croata residente na Krajina foi expulsada.

Durante 1992 e 1993, uns 225.000 croatas, incluíndo refuxiados de Bosnia–Hercegovina e outros provenientes de Serbia, establecéronse en Croacia. Un notábel número de bosníacos fuxiron, así mesmo, cara a Croacia (que foi nun principio o principal destino dos refuxiados dese país, na acabada de comezar guerra de Bosnia). Voluntarios croatas e algúns soldados recrutados participaron nesta guerra. Algúns dos máis próximos colaboradores do Presidente Tudjman, como Gojko Šušak ou Ivić Pašalić, proviñan da Hercegovina dominada por croatas, e intentaron axudar aos croatas de Bosnia, financeiramente e doutras formas.

Durante este período, Croacia aceptou a 280.000 refuxiados bosníacos que fuxían da guerra. O enorme número de refuxiados foi significativamente desgastando a economía e a infraestrutura croatas. O embaixador dos Estados Unidos en Croacia Peter Galbraith tratou nunha entrevista, o 8 de novembro de 1993, de poñer de relevo o elevadísimo número de refuxiados bosníacos en Croacia, dicindo que a situación sería equivalente a se os Estados Unidos acollesen de golpe 30 millóns de refuxiados.

O 18 de febreiro de 1993 as autoridades croatas asinaron o Acordo de Daruvar cos líderes serbios de Eslavonia Occidental. O acordo mantívose en segredo, e trataba de normalizar a vida da poboación da zona. Porén, as autoridades de Knin tomaron nota do trato e arrestaron aos líderes serbios responsábeis do mesmo, dado que parecía claro que estaban aceptando unha reintegración pacífica en Croacia.

En 1993 os croatas de Bosnia e os bosníacos enfrontáronse entre eles, mentres ao mesmo tempo ambos os grupos loitaban contra os serbobosnios. Franjo Tudjman participou nas conversacións de paz entre os croatas de Bosnia e os bosníacos, que cristalizaron no Acordo de Washington de 1994, reducindo o número de belixerantes en Bosnia a dous.

Artigo principal: Guerra de Bosnia.

1994 Diminución do apoio á Krajina

[editar | editar a fonte]

En marzo de 1994, as autoridades de Krajina firmaron un alto ao fogo.

A finais de 1994, o exército croata interveu numerosas veces en Bosnia: entre o 1 e o 3 de novembro na "Operación Cincar", cerca de Kupres, e entre o 29 de novembro e o 24 de decembro na operación "Winter 94", cerca de Dinara e Livno. Estas operacións desenvolvéronse co fin de levantar o cerco a Bihać e para tomar posicións ao norte da capital da Krajina serbia, Knin, rodeándoa así, de feito, por tres lados.

Mentres, tiñan lugar negociacións entre Croacia e os gobernantes da República Serbia de Krajina (RSK), con mediación da ONU. As disputas incluían reabrir ao tránsito a zona da autoestrada Zagreb-Slavonski Brod, ocupada polos serbios, cerca de Okučani, así como o status das zonas de maioría serbia en Croacia. Os repetidos desacordos nestas dúas materias servirían como causante das dúas ofensivas croatas de 1995.

1995 O final da guerra

[editar | editar a fonte]
Mapa da Operación Flash.

A principios de maio de 1995, a violencia explotou de novo. A RSK perdeu o apoio de Belgrado, parcialmente a causa da presión internacional. Ao mesmo tempo, o exército croata tomou de novo a totalidade dos territorios ocupados de Eslavonia Occidental durante a Operación Flash. Como represalia, forzas serbias atacaron Zagreb con foguetes, matando a 7 persoas e ferindo a 175.

Mapa da Operación Tormenta.

En agosto de 1995 Croacia comezou a Operación Tormenta e rapidamente ocupou a maioría da RSK, excepto unha pequena franxa cerca da fronteira serbia. Nuns catro días, cerca de 150-200.000 serbios fuxiron, a maioría cara a Serbia e a Bosnia.

Fontes dos rebeldes serbios (Kovačević, Sekulić, Vrcelj, documentos do cuartel xeral da Protección Civil da RSK, Consello Supremo de Defensa) confirmaron que a evacuación fora planeada e organizada previamente. Segundo Amnistía Internacional, a operación supuxo a limpeza étnica de máis de 200.000 serbocroatas.

A natureza deste éxodo discútese aínda hoxe entre serbios e croatas: os primeiros sosteñen que a limpeza étnica foi planeada polo Goberno croata, mentres que os segundos alegan que se respectou a promesa de Tudjman de non atacar os civís e atribúen os casos de mortes a vinganzas e accións individuais de parte de grupos croatas descontrolados. Porén, o número real de refuxiados é difícil de establecer a causa da pouca fiabilidade das fontes (segundo algunhas delas, o número de refuxiados sería mesmo maior ao de habitantes da zona). En apoio disto, cítanse entrevistas co xeneral norteamericano Robert Brown, o filósofo francés Alain Finkelkraut ou o escritor estadounidense Roy Gutman, que defenden ao Goberno croata tratando de aclarar o alcance real da situación, así como acreditando que calquera crime de guerra ou limpeza étnica cometida sería fóra do control do Exército croata. Non obstante, posteriormente algúns oficiais croatas foron procesados por crimes de guerra cometidos durante estas operacións.

O exército croata procedeu a loitar contra os serbios en Bosnia, do lado dos bosníacos, pero a intervención diplomática dos Estados Unidos obrigounos a desistir de posteriores e maiores avances. Se o exército croata chegara a ocupar a segunda cidade de Bosnia, Banja Luka, moi preto da fronteira croata, a crise de refuxiados chegaría a ser intolerábel. Probabelmente decenas de miles de persoas tratarían de escapar cara ao leste a través do estreito corredor de Posavin, cara ao leste de Bosnia e cara a Serbia. En conxunto, o censo de 2001 mostra 380.032 serbios menos en Croacia, se o comparamos co de 1991. Algunhas fontes serbias din que estes datos son, incluso, minusvaloracións.

Uns poucos meses despois a guerra acabou coa negociación dos Acordos de Dayton (en Dayton, Ohio), posteriormente asinados en París en decembro de 1995.

1989-1995 Reaccións internacionais

[editar | editar a fonte]

A crise emerxera en Iugoslavia co debilitamento do comunismo en Europa do Leste e o ascenso do nacionalismo, polo que a actitude da comunidade internacional foi, nun principio, un algo expectante. Desde o comezo, porén, a prensa occidental estaba chea de advertencias no sentido de impedir a traxedia nos Balcáns. Cando a guerra estalou en Croacia, multiplicáronse as opinións que vían este conflito como o preludio de choques étnicos aínda moito máis graves en Bosnia e Kosovo.

O papel da comunidade internacional na guerra é aínda hoxe motivo de gran controversia. Moitas voces condenan, hoxe en día, a falta de interese internacional pola guerra en Croacia durante o seu desenvolvemento. Eran quizais outras as preocupacións máis urxentes, como a Guerra do Golfo de 1991 tras a invasión de Kuwait por Iraq, que atraía a atención internacional polas súas repercusións en forma de aumento dos prezos do petróleo e a ralentización do crecemento económico. Así mesmo, preocupaba non fomentar a extensión da influencia do nacionalismo e as ideas separatistas nos países occidentais. A falta dunha atención e unha resposta adecuadas non afectaron só ao caso dos Balcáns. As nacións europeas refugaron tamén, por exemplo, intervir en Ruanda durante a crise de 1994. Ao principio, en 1989-91, a comunidade internacional tratou de negar que se tratara dun problema internacional, tendendo a apoiar ao Goberno federal iugoslavo. O embargamento de armas imposto pola ONU a todas as repúblicas iugoslavas, por exemplo, favorecía claramente ao poder federal (controlado por forzas serbias), dado que dispoñía xa dun armamento ao que as repúblicas secesionistas non podían ter acceso.

O recoñecemento oficial dos novos Estados de Eslovenia e Croacia supuxo unha materia moi controvertida para os gobernos estranxeiros naquel momento.

A mediados de decembro de 1991, outros países recentemente independizados, como Lituania, Letonia e Ucraína, recoñeceron a independencia de Croacia e Eslovenia. Mentres tanto, estas recoñecéronse unha á outra, sumándose a este proceso o Vaticano (Eslovenia e Croacia son nacións tradicionalmente católicas) ou Islandia.

Entón, entre o 19 e o 23 de decembro, moitos outros países europeos, entre eles Alemaña, Suecia e Italia, anunciaron o seu recoñecemento da independencia croata e eslovena. A Comunidade Europea en pleno aceptou o recoñecemento das dúas novas repúblicas o 15 de xaneiro de 1992.

Cada un dos gobernos das diferentes potencias actuou de forma diferente.

Reino Unido

O Goberno liderado por John Major insistiu nunha política estrita de non intervención. Algúns historiadores interpretan hoxe en día esta actitude como un claro apoio ao poder establecido.

Alemaña

Os países occidentais máis próximos foron en xeral máis receptivos ás demandas dos croatas, sobre todo Alemaña. O Goberno de Helmut Kohl foi favorábel ao recoñecemento, aínda que os seus propios problemas territoriais (reunificación alemá), e a certa resistencia que encontrou noutros países europeos, impedíronlle adoptar medidas aínda máis afirmativas, como equipar ou apoiar abertamente ás tropas croatas. En Alemaña produciuse unha gran controversia sobre se parte do armamento soviético empregado polos croatas non procedía, en realidade, dos arsenais da extinta RDA.

Rusia

Os países de Europa oriental como, por exemplo,Rusia ou Grecia, eran en xeral antigos aliados de Serbia, polo que se opuxeron ao recoñecemento de Croacia. Pese ao goberno moderado de Boris Eltsin, os enormes cambios sufridos por Rusia naqueles anos foron unha das razóns que disuadiron aos países europeos a actuar, non querendo emprender accións militares que puideran provocar un conflito moito máis amplo, xa que nese momento non era moi fácil predicir cal sería a resposta de Rusia ante a situación.

Estados Unidos

Os Estados Unidos foron os máximos defensores, xunto ao Reino Unido, da política de non intervención. A Administración estaba presidida por George Bush a finais de 1992. As cousas cambiaron con Bill Clinton, que adoptou unha actitude máis agresiva ante a situación e xogou un papel máis intervencionista. En 1995 os Estados Unidos empregaron os seus avións espía para vixiar minuciosamente os movementos do exército croata na preparación da Operación Tormenta, e os Secretarios de Estado Lawrence Eagleburger e Warren Christopher foron moi críticos cos movementos alemáns a favor de Croacia, argumentando que provocarían unha escalada do conflito.

Cronoloxía dos principais sucesos

[editar | editar a fonte]
Data Feito
31 de marzo de 1991 Incidente do lago Plitvice
2 de maio de 1991 Asasinatos de Borovo Selo
Setembro de 1991 Comezo da Batalla de Vukovar
14 - 19 de setembro de 1991 Batalla dos Cuarteis
1 de outubro de 1991 Comezo do asedio de Dubrovnik
5 de outubro de 1991 Croacia decreta a mobilización xeral
7 de outubro de 1991 O JNA bombardea o Goberno croata
10 de outubro de 1991 Masacre de Lovas
16 - 18 de outubro de 1991 Masacre de Gospić
20 de outubro de 1991 Masacre de Baćin
31 de outubro - 4 de novembro de 1991 Operación Otkos 10
18 de novembro de 1991 Final da Batalla de Vukovar, masacre de Vukovar
18 de novembro de 1991 Masacre de Škabrnja
12 de decembro de 1991 - 3 de xaneiro de 1992 Operación Orkan 91
13 de decembro de 1991 Masacre de Voćin
21 de xuño de 1992 Batalla de Miljevci
22 de xaneiro de 1993 Operación Maslenica
9 - 17 de setembro de 1993 Operación Bolsa de Medak
1 - 3 de maio de 1995 Operación Flash
2 - 3 de maio de 1995 Ataque con foguetes sobre Zagreb
4 - 7 de agosto de 1995 Operación Tormenta
  1. ""Dr Franjo Tuđman, 1992-1999", Miloš Vasić, Vreme, Decembro 18, 1999". Arquivado dende o orixinal o 05 de decembro de 2011. Consultado o 30 de decembro de 2011. 
  2. "Domovinski rat On Line! - 13. SVIBNJA 1990". Arquivado dende o orixinal o 28 de setembro de 2007. Consultado o 30 de decembro de 2011. 
  3. IWPR news report: Martic "Provoked" Croatian Conflict
  4. "Second Class citizens: The Serbs of Croatia (HRW annual Report)" (PDF). Human Rights Watch. 01-03-1999. 
  5. "Legalno je braniti se" (en Croatian). Fokus magazine. 16-01-2007. Arquivado dende o orixinal o 14-04-2008. Consultado o 30-12-2011. 
  6. Blaskovich, Jerry (1997). Anatomy Of Deceit, Realities Of War In Croatia, New York: Dunhill Publishing Arquivado 07 de decembro de 2012 en Wayback Machine.. ISBN 0-935016-24-4.
  7. Martin Špegelj: "Memories of a Soldier" ("Uspomene Vojnika"), Zagreb 2nd edition
  8. "SENSE". Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2006. Consultado o 30 de decembro de 2011. 
  9. "GenocideWatch.org". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2007. Consultado o 27 de setembro de 2007. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Ingrao, Charles W. & Emmert, Thomas Alan (eds.) (2009): Confronting the Yugoslav Controversies: a Scholars' Initiative. Capítulo "The War in Croatia, 1991–1995" (por Bjelajac, Milke & Ozren, Žunec). Purdue University Press. ISBN 1-55753-533-7
  • Beljo, Ante (1992): Greater Serbia: From Ideology to Aggression. Croatian Information Centre. ISBN 0-919817-30-0
  • Burg, Steven L. & Shoup, Paul S. (2000): The War in Bosnia-Herzegovina: Ethnic Conflict and International Intervention. M. E. Sharpe ISBN 1-56324-309-1
  • Dominelli, Lena (2007): Revitalising Communities in a Globalising World. Ashgate Publishing. ISBN 0-7546-4498-7
  • Doder, Dusko & Branson, Louise (1999): Milosevic: Portrait of a Tyrant. Simon & Schuster. ISBN 0-684-84308-0
  • Finlan, Alastair (2004): The Collapse of Yugoslavia, 1991–1999. Osprey Publishing. ISBN 1-84176-805-7
  • Frucht, Richard C. (2005): Eastern Europe: An Introduction to the People, Lands, and Culture. ABC-CLIO. ISBN 1-57607-800-0
  • Goldstein, Ivo (1999): Croatia: A History. C. Hurst & Co. Publishers. ISBN1850655251
  • Greenberg, Melanie C., Barton, John H. & McGuinnes, Margaret E. (eds.) (2000): Words Over War, Mediation and Arbitration to Prevent Deadly Conflict. Capítulo "Croatian Independence from Yugoslavia, 1991–1992" (por Alan Hanson). Rowman & Littlefield.
  • Nation, R. Craig (2004): War in the Balkans, 1991–2002. Lightning Source. ISBN 1-4102-1773-6
  • Ramet, Sabrina P. (2006): The Three Yugoslavias: State-Building and Legitimation, 1918–2005. Indiana University Press. ISBN 0-253-34656-8

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]