Green Day
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde novembro de 2014.) |
Green Day en directo | |
Orixe | Rodeo (California), Estados Unidos |
Período | 1989 - presente |
Xénero(s) | punk rock |
Selo(s) discográfico(s) | Lookout!, Reprise |
Membros | Billie Joe Armstrong Mike Dirnt Tré Cool |
Antigos membros | John Kiffmeyer |
Artistas relacionados | Pinhead Gunpowder, The Network, Foxboro Hot Tubs, The Longshot, The Coverups |
Na rede | |
greenday.com | |
|
Green Day é unha banda estadounidense de punk rock fundada no ano 1989. Está formada por Billie Joe Armstrong (voz e guitarra), Mike Dirnt (baixo e coros) e Tré Cool (batería). Cool substituíu o batería orixinal John Kiffmeyer en 1990, antes da gravación do seu segundo álbum Kerplunk.
Green Day vendeu ao redor dos 65 millóns de discos en todo o mundo, 24 deles só nos Estados Unidos, e gañou catro premios Grammy durante a súa carreira.
Historia
[editar | editar a fonte]Inicios
[editar | editar a fonte]En 1987 os amigos de infancia Billie Joe Armstrong e Mike Dirnt (ambos de 14 anos) formaron unha banda chamada Sweet Children. O primeiro concerto de Sweet Children tivo lugar o 17 de outubro de 1987, no Rod's Hickory Pit en Vallejo, California onde a nai de Armstrong traballaba. En 1988, Armstrong e Dirnt comezaron a traballar con Sean Hughes e o batería John Kiffmeyer, tamén coñecido como Al Sobrante. Kiffmeyer encargábase tanto da batería como dos labores de manager, encargándose de buscar actuacións e establecer unha base de seareiros da banda, e Sean Hughes encargábase do baixo.
Despois de que Hughes deixase a banda ese mesmo ano, Larry Livermore, dono de Lookout! Records, viu o grupo tocar nun dos seus primeiros concertos e asinou un contrato con eles. En 1989 gravaron o seu primeiro EP, 1,000 Hours. Despois de que este fose editado abandonaron o nome de Sweet Children; segundo Livermore fixérono para evitar confusións con outra banda local chamada Sweet Baby. O grupo adoptou o nome Green Day, supostamente debido á súa afección á marihuana.
Lookout! encargaríase do lanzamento do primeiro álbum de Green Day, 39/Smooth, aparecido a principios de 1990. Green Day posteriormente, nese mesmo ano, gravou dous EPs, Slappy e Sweet Children, este último con temas vellos que a banda gravara para o selo independente de Minneapolis Skene! Records. En 1991, Lookout! Records editou 1,039/Smoothed Out Slappy Hours, un recompilatorio dos EPs 39/Smooth, Slappy e 1,000 Hours. A finais de 1990, pouco despois da primeira xira nacional, Sobrante deixou a zona de East Bay para ir á universidade. O batería Tré Cool ocupou o seu posto como batería provisional, pero cando quedou claro que Sobrante non regresaría como batería a tempo completo, Tré Cool converteríase en membro permanente de Green Day. O grupo estivo de xira a meirande parte de 1992 e 1993, e realizou un feixe de concertos en Europa. O seu segundo álbum de estudio, Kerplunk, aparecería a principios de 1992 e chegou a vender unhas 50.000 copias nos Estados Unidos.
Éxito
[editar | editar a fonte]O éxito colleitado por Kerplunk no underground fixo que varias grandes discográficas se interesasen pola banda, e Green Day finalmente deixou Lookout! de xeito amigábel para asinar con Reprise Records despois de atraer o produtor Rob Cavallo. O grupo estaba impresionado polo seu traballo coa banda californiana The Muffs e posteriormente remarcaron que Cavallo "era a única persoa coa que realmente podían falar e conectar". O contrato con Reprise causou que moitos seareiros do punk rock considerasen a Green Day uns vendidos. Despois de asinar con Reprise a banda comezou a traballar na gravación do seu álbum Dookie.
Gravado en tres semanas e editado en febreiro de 1994, Dookie converteuse nun éxito comercial, axudado pola emisión extensiva na MTV dos videoclips dos sinxelos "Longview", "Basket Case" e "When I Come Around", que acadarían o número 1 na lista Modern Rock Tracks. Ese ano Green Day comezou unha xira nacional coa banda Pansy Division como abreconcertos. Na actuación do 9 de setembro no Boston Esplanade, o caos desatouse durante a actuación da banda, e ao final dos disturbios había 100 persoas feridas e 45 detidas. A banda tamén tocou nos festivais Lollapalooza e Woodstock 1994, onde comezaron unha infame pelexa no barro. Durante o concerto, un garda de seguridade confundiu o baixista Mike Dirnt cun fan que invadía o escenario e pegoulle rompéndolle algúns dentes. Vista por millóns de persoas a través da televisión, a actuación en Woodstock 1994 incrementaría a publicidade e o recoñecemento da banda, axudando a aumentar as vendas do álbum. En 1995 Dookie gañou o Grammy ao mellor álbum alternativo e a banda foi nomeada a 9 MTV Video Music Awards.
En 1995 editouse un novo sinxelo para a banda sonora de Angus titulado "J.A.R.". O sinxelo estreouse no número 1 da lista Billboard Modern Rock Tracks. A esta canción seguiulle o cuarto álbum da banda, Insomniac, que foi editado no outono de 1995. Insomniac era unha resposta máis escura e pesada á nova popularidade da banda, comparado co máis melódico Dookie. O álbum tivo unha cálida recepción da crítica, gañando 4 estrelas de 5 da Rolling Stone. Do disco sacáronse os sinxelos "Geek Stink Breath", "Stuck with Me", "Brain Stew/Jaded" e "Walking Contradiction". Aínda que non colleitou o éxito de Dookie, vendeu 2 millóns de copias nos Estados Unidos. Ademais, o álbum gañou varios nomeamentos aos American Music Awards de 1996, e o vídeo de "Walking Contradiction" foi nomeado para o Grammy ao mellor vídeo e aos mellores efectos especiais nos MTV Video Music Awards. Despois diso a banda suspendeu unha xira europea citando cansazo.
Declive da popularidade
[editar | editar a fonte]Despois dun breve parón en 1996, Green Day comezou a traballar nun novo traballo en 1997. Dende o principio, tanto a banda como Cavallo acordaron que o álbum sería diferente aos seus anteriores discos. O resultado foi Nimrod, unha desviación do típico son pop punk da banda. O novo álbum foi editado en outubro de 1997 e era máis variado, indo dende o pop punk ata o surf rock e pasando polo ska ou a balada acústica. Nimrod entrou nas listas no número 10 e a exitosa "Good Riddance (Time of Your Life)" gañou o premio ao mellor vídeo alternativo nos MTV Video Awards. A canción tamén foi usada nun episodio de Seinfeld e en dous de ER. Os outros sinxelos editados para o disco foron "Nice Guys Finish Last", "Hitchin' a Ride" e "Redundant". A banda fixo unha aparición nun capítulo de King of the Hill titulado The Man Who Shot Cane Skretteberg, emitido en 1997. Entre finais dese ano e gran parte de 1998 a banda estivo de xira promocionando Nimrod.
No ano 2000 Green Day editou o seu sexto álbum de estudio, Warning, continuando o estilo que xa amosaran en Nimrod. Para promocionar o disco a banda participou na Warped Tour do 2000 e tamén realizou unha xira independente ao ano seguinte. As críticas foron variadas. Allmusic deulle un 4,5 sobre 5 dicindo que "Warning quizais non é un disco innovador en si, pero é tremendamente satisfactorio". Rolling Stone foi máis crítica, dándolle un 3 sobre 5, e dicindo "Warning... fai que nos preguntemos: Quen quere escoitar cancións de fe, esperanza e denuncia social da que adoitaba ser a banda de snot-core con máis vendas do mundo?". A pesar de que tivo o hit "Minority" e o menor "Warning", moitos críticos chegaron á conclusión de que a banda estaba perdendo relevancia, e a iso seguiríalle un declive da súa popularidade.
Despois de Warning editáronse dous álbums recompilatorios, International Superhits! e Shenanigans. International Superhits! e a colección de videoclips que o acompañaba, International Supervideos!, tivo boas vendas, sendo certificado platino nos Estados Unidos. Shenanigans contiña algunhas das caras-b da banda, como "Espionage", que apareceu na banda sonora de Austin Powers: A espía que me achouchou e foi nomeada a un Grammy.
Na primavera do 2002 Green Day foi un dos cabezas de cartel do Pop Disaster Tour xunto con Blink-182. A pesar diso Green Day tocou todos os concertos antes de Blink-182, que nese momento estaba experimentando un éxito maior. A xira foi documentada no DVD Riding in Vans with Boys.
American Idiot e éxito renovado
[editar | editar a fonte]No verán do ano 2003 a banda entrou no estudio para compoñer e gravar novo material para un álbum, que inicialmente ía chamarse Cigarettes and Valentines. Despois de completar 20 temas as gravacións foron roubadas do estudio por un descoñecido. En vez de regravar as cancións roubadas, a banda decidiu abandonar o proxecto e comezar un novo, considerando que o material non era representativo do mellor traballo da banda. Green Day colaborou con Iggy Pop en dous temas para o seu álbum Skull Ring en novembro de 2003. O 1 de febreiro do 2004 fixo a súa estrea unha nova canción do grupo, unha versión de "I Fought the Law", aparecendo nun anuncio de iTunes durante a Super Bowl.
O álbum resultante do novo proxecto, American Idiot, foi editado o 21 de setembro do 2004 e estreouse no número 1 das listas da Billboard, sendo o primeiro traballo da banda en acadar o número 1 respaldado polo éxito do seu primeiro sinxelo, "American Idiot". O álbum foi etiquetado como "ópera punk rock opera" e falaba da historia do ficticio "Jesus of Suburbia". American Idiot gañou o Grammy ao mellor álbum de rock e a banda arrasou nos MTV Music Awards, gañando un total de sete premios dos oito aos que fora nomeado.
Durante o 2005 a banda foi de xira para promocionar o álbum realizando preto de 150 concertos na xira máis longa da súa carreira, visitando Xapón, Australia, Suramérica e o Reino Unido. Durante esta xira filmaron os dous concertos realizados no Milton Keynes National Bowl en Inglaterra, que foron votados os "mellores concertos na Terra" nunha enquisa da revista Kerrang!. Esas gravacións foron editadas en CD e DVD co nome Bullet in a Bible o 15 de novembro dese mesmo ano. Este CD/DVD conta con temas de American Idiot ademais de cancións dos seus anteriores álbums, agás Kerplunk e 1,039/Smoothed Out Slappy Hours. Os últimos concertos da xira foron en Sydney e Melbourne os días 14 e 17 de decembro, respectivamente.
O 1 de agosto do 2005 Green Day anunciou que rescindía os dereitos de Lookout! Records do material anterior a Dookie, citando unha violación continua do contrato ao non pagar os seus dereitos de autor, nunha denuncia compartida con varias bandas máis. Ese material estivo ao redor dun ano fóra de circulación, ata que foi reeditado pola actual discográfica do grupo, Reprise Records, o 9 de xaneiro do 2007.
En 2006 Green Day gañou o Grammy á gravación do ano por "Boulevard of Broken Dreams", que pasou 16 semanas no número 1 da lista Modern Rock Tracks, un récord compartido co tema de Red Hot Chili Peppers "Scar Tissue" e co de Staind "It's Been Awhile", (dende entón foi batido pola canción de Foo Fighters "The Pretender" no 2007, que estivo 18 semanas).
Foxboro Hot Tubs e 21st Century Breakdown
[editar | editar a fonte]Green Day meteuse en varios pequenos proxectos despois do éxito de American Idiot. Editaron un álbum baixo o nome de Foxboro Hot Tubs titulado Stop Drop and Roll!!!, e no 2008 Foxboro Hot Tubs fixo unha mini-xira para promocionar o disco.
Nunha entrevista na revista Kerrang!, Armstrong revelou que no 2008 podería aparecer o oitavo álbum de Green Day. Tamén nunha entrevista, Shirley Manson, vocalista de Garbage, revelou que Butch Vig sería o produtor do novo traballo de Green Day. O lapso de cinco anos entre American Idiot e 21st Century Breakdown foi o máis grande entre dous álbums de estudio na carreira da banda. O grupo levaba traballando en material novo dende xaneiro de 2006, e en outubro de 2007 Armstrong tiña 45 temas compostos, aínda que o grupo non amosou signos de progreso ata un ano despois, cando se subiron a YouTube dous vídeos da banda gravando no estudio co produtor Butch Vig. O proceso de composición e gravación levou tres anos e rematou en abril do ano 2009.
21st Century Breakdown foi editado o 15 de maio do 2009. O álbum tivo principalmente unha boa recepción por parte da crítica, conseguindo puntuación de entre 3 e 4 estrelas de media. Despois do lanzamento, o disco acadou o número 1 en catorce países. A banda comezou a realizar concertos en California en abril e principios de maio, sendo as súas primeiras actuacións ao vivo en tres anos. Green Day iniciou unha xira mundial que comezou en Norteamérica en xullo do 2009 e que se prolongou o resto do ano ata principios do 2010. Walmart negouse a vender o álbum co adhesivo "Parental Advisory" e pediulle á banda unha versión censurada. Os membros non desexaban cambiar as letras e responderon dicindo: "Non hai nada sucio no noso disco... Eles queren artistas para censurar os seus discos e que sexan vendidos alí. Nós dicimos que non. Nunca o fixemos antes. Sénteste como se estiveses en 1953 ou algo así".
No ano 2009 a banda reuniuse co galardoado director Michael Mayer e con membros elenco e traballadores do musical Spring Awakening para crear unha versión para teatro do álbum American Idiot. American Idiot: The Musical estreouse no Berkeley Repertory Theatre a finais dese ano. A obra conta unha versión estendida da historia do disco, con novas personaxes como Will, Extraordinary Girl e Favorite Son.
Actualidade
[editar | editar a fonte]O 20 de abril do 2010 American Idiot: The Musical estreouse en Broadway, e Green Day editou a banda sonora do musical, que contiña unha nova canción titulada "When It's Time", que foi editada como sinxelo a través de iTunes no mes de xuño. Durante os TV Video Game Awards de 2009, anunciouse que Green Day tería o seu propio videoxogo Rock Band, que seguiría ao último Rock Band específico, The Beatles: Rock Band. O xogo apareceu o 8 de xuño do 2010 e conta cos álbums Dookie, American Idiot e 21st Century Breakdown completos, ademais de cancións escollidas do resto da discografía da banda.[1]
Durante a segunda parte da xira 21st Century Breakdown World Tour os membros da banda dixeron que estaban compoñendo material novo. Nunha entrevista para a revista Kerrang! Armstrong falou sobre a posibilidade dun novo álbum: "Fixemos algunhas demos en Berlín, algunhas en Estocolmo, algunhas ás aforas de Glasgow e algunhas en Ámsterdam. Queremos baixalas dalgunha maneira cedo".[2] Os membros tamén dixeron que o grupo estaba gravando un álbum ao vivo da xira, contando coa canción inédita "Cigarettes and Valentines". En outubro de 2010 Dirnt foi entrevistado por Radio W e mencionou que a banda rematara o proceso de composición dos temas para o seu noveno traballo. Na entrevista tamén falou do lanzamento do álbum ao vivo.[3] O álbum ao vivo editouse en CD/DVD e CD/Blu-ray o 22 de marzo do 2011 baixo o título Awesome as Fuck.[4][5]
O 13 de abril do 2011 confirmouse unha versión para o cine de American Idiot. Michael Mayer, director do musical de Broadway, dirixirá a película. Será producida por Green Day, Pat Magnarella (o representante de Green Day que tamén produciu Bullet in a Bible, Awesome As Fuck e Heart Like a Hand Grenade), Playtone (Tom Hanks e Gary Goetzman) e Tom Hulce.
Discografía
[editar | editar a fonte]Álbums de estudio
[editar | editar a fonte]Álbum | Ano | Selo |
---|---|---|
39/Smooth | 1991 | Lookout! Records |
Kerplunk | 1992 | Lookout! Records |
Dookie | 1994 | Reprise Records |
Insomniac | 1995 | Reprise Records |
Nimrod | 1997 | Reprise Records |
Warning | 2000 | Reprise Records |
American Idiot | 2004 | Reprise Records |
21st Century Breakdown | 2009 | Reprise Records |
¡Uno! | 2012 | Reprise Records |
¡Dos! | 2012 | Reprise Records |
¡Tré! | 2012 | Reprise Records |
Revolution Radio | 2016 | Reprise Records |
Father of All Motherfuckers | 2020 | Reprise Records |
Saviors | 2024 | Reprise Records |
Recompilatorios
[editar | editar a fonte]- 1,039/Smoothed Out Slappy Hours - 1991 (Lookout! Records, Reprise Records e Epitaph Europe)
- International Superhits! - 2001 (Reprise Records)
- Shenanigans - 2002 (Reprise Records)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina oficial (en inglés)
- ↑ "Green Day: Rock Band - Release date, pricing, export and preorder info! - Rock Band Forums". web.archive.org. 2010-03-14. Archived from the original on 14 de marzo de 2010. Consultado o 2020-02-08.
- ↑ "Kerrang! Green Day new album exclusive!". web.archive.org. 2010-03-22. Archived from the original on 22 de marzo de 2010. Consultado o 2020-02-08.
- ↑ "Mike Dirnt, bajista de la agrupación Green Day, habla en exclusiva con W Radio | Nem-Catacoa". web.archive.org. 2010-12-13. Archived from the original on 13 de decembro de 2010. Consultado o 2020-02-08.
- ↑ "Green Day Confirms 'Awesome as F**k' Live Album in New Trailer". Billboard. Consultado o 2020-02-08.
- ↑ "PRESS RELEASE :: News :: Greenday.com". archive.ph. 2011-07-17. Archived from the original on 17 de xullo de 2011. Consultado o 2020-02-08.