Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Borja Jiménez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Borja Jiménez
Información persoal
Nome Borja Jiménez Sáez
Nacemento 21 de xaneiro de 1985
Lugar de nacemento Ávila
Información de club
Club actual Leganés (ad.)
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
Ávila
Colegios Diocesanos
Adestrador
2013–2014 Ávila
2015–2016 Valladolid B
2016–2017 Izarra
2017–2018 Rápido de Bouzas
2018–2019 Mirandés
2019 Asteras Tripolis
2019–2020 Cartagena
2021–2022 Deportivo da Coruña
2023– Leganés
Partidos e goles só en liga doméstica.
editar datos en Wikidata ]

Borja Jiménez Sáez, nado en Ávila o 21 de xaneiro de 1985, é un adestrador de fútbol español. Dende xuño de 2023 adestra o Leganés, da Segunda División.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Tivo unha breve carreira como futbolista, militando no Real Ávila e no CD Colegios Diocesanos.[1] Como adestrador comezou no fútbol base do Real Ávila, pasando logo pola Milan Academy, a escola de fútbol do AC Milan na cidade abulense, e o Casa Social.

En 2011 regresou ao Real Ávila, onde exerceu como segundo adestrador de José Luis Diezma e de Kiko, así como de director da canteira.[2] En outubro de 2013, con 28 anos, púxose á fronte do primeiro equipo en Terceira división tras a destitución de Kiko. Conseguiu meterse na promoción de ascenso a Segunda B, onde caeu eliminado fronte ao AD Mérida.

Tras a súa dimisión en novembro de 2014, adestrou nas categorías inferiores do Real Valladolid, e na tempada 2015/16 colleu as rendas do filial, o Valladolid Promesas, na xornada 10 da Segunda División B, substituíndo ao vigués Rubén Albés. Dirixiu o equipo ata o final da tempada, logrando a permanencia. Na seguinte campaña adestrou o CD Izarra, ascendido a Segunda B un ano antes, e conseguiu manter a categoría, rematando no 13º posto.

Na tempada 2016/17 converteuse no novo adestrador do Rápido de Bouzas, que acababa de ascender por primeira vez á Segunda B na tempada anterior, comandado por Patxi Salinas.[3] Con Jiménez no banco o equipo vigués realizou unha grande estrea na categoría, asinando a mellor tempada da súa historia ao rematar na quinta praza, a só dous puntos de disputar a promoción a Segunda.[4][5]

En xuño de 2018, o CD Mirandés e Borja Jiménez chegaron a un acordo para a tempada 2018/19. Co equipo de Miranda de Ebro rematou terceiro do seu grupo de 2ªB, clasificándose para a promoción de ascenso. Nesta, eliminou sucesivamente ao Atlético de Madrid B, ao Recreativo de Huelva e ao Atlético Baleares, logrando así o segundo ascenso á categoría de prata na historia do club. Ademais, nesa mesma tempada, o Mirandés conseguiu gañar a Copa Federación por primeira vez na súa historia.

En xullo de 2019 adestrou por primeira vez no estranxeiro, asinando contrato co Asteras Tripolis da Superliga de Grecia, unha experiencia que durou só 5 meses, xa que tras un total de tres vitorias en doce encontros, foi destituído o 5 de decembro.[6]

O 23 de decembro de 2019 anunciouse a súa fichaxe polo FC Cartagena, que ostentaba o liderado do grupo IV da Segunda B, tras 19 xornadas. Chegou a Cartaxena para substituír a Gustavo Munúa, que deixou o equipo para aceptar unha oferta do Nacional de Montevideo.[7] Con Jiménez como adestrador o equipo cartaxinés proclamouse campión do seu grupo, despois de que a tempada acabase antes de tempo por mor da pandemia de COVID-19, e xogou a promoción de ascenso. Accedeu pola ruta de campións de grupo, tendo así unha dobre oportunidade, e enfrontouse na primeira delas ao Atlético Baleares. O partido acabou con empate a cero goles, ao igual que a prórroga, polo que o partido se decidiu na quenda de penaltis, logrando o ascenso o Cartagena despois de que Pablo Caballero transformase o cuarto e definitivo penalti.[8] Comezou a tempada na Segunda División con bos resultados, pero máis tarde encadeou unha mala xeira de encontros, con só unha vitoria en nove partidos, sendo destituído en decembro.[9]

O 26 de maio de 2021 foi anunciado como novo adestrador do Deportivo da Coruña para a tempada 2021/22 na Primeira RFEF, relevando no cargo a Rubén de la Barrera.[10] Na súa primeira tempada acabou segundo, só por detrás do Racing de Santander, e disputou así a promoción de ascenso a Segunda, onde eliminou en semifinais ao Linares por 4-0,[11] enfrontándose na final en Riazor ao Albacete de Rubén de la Barrera. O Deportivo adiantouse na primeira parte cun gol de Mario Soriano pero Alberto Jiménez empatou na segunda metade, enviando o encontro á prórroga. Ao equipo de Borja Jiménez bastáballe co empate para ascender, pero Jordi Sánchez anotou para o Albacete preto do final, deixando o equipo galego outro ano máis na categoría de bronce.[12]

Confirmado pola directiva para unha segunda tempada na Coruña,[13] recibiu críticas dende as primeiras xornadas, debido ao pobre xogo do equipo.[14] Finalmente foi destituído o 11 de outubro de 2022, despois de colleitar tres vitorias, tres empates e unha derrota en sete xornadas, e co equipo situado na zona de promoción pero a sete puntos do líder, o Racing de Ferrol.[15]

En xuño de 2023 foi presentado como novo adestrador do Leganés, da Segunda División.[16]

  1. "Un adelantado enfrente del Lugo". El Progreso (en castelán). 30 de setembro de 2020. Consultado o 25 de maio de 2021. 
  2. "El Real Ávila pone sus categorías menores en manos de la Escuela Linko" (en castelán). 18 de setembro de 2013. Consultado o 25 de maio de 2021. 
  3. "El abulense Borja Jiménez dirigirá al Rápido en Segunda B". La Voz de Galicia (en castelán). 10 de xullo de 2017. Consultado o 26 de maio de 2021. 
  4. "Borja Jiménez, nuevo entrenador del Club Deportivo Mirandés para la próxima temporada" (en castelán). 28 de xuño de 2018. Consultado o 25 de maio de 2021. 
  5. "Borja Jiménez deja el Rápido después de una temporada histórica". SER (en castelán). 16 de maio de 2018. Consultado o 25 de maio de 2021. 
  6. "Borja Jiménez deja de ser entrenador del Asteras" (en castelán). 10 de decembro de 2019. Consultado o 25 de maio de 2021. 
  7. "El joven Borja Jiménez es el sustituto de Munúa en el banquillo del Cartagena" (en castelán). 24 de decembro de 2019. Consultado o 25 de maio de 2021. 
  8. "El Cartagena consigue el ascenso a Segunda tras ganar al Baleares en penaltis". Marca (en castelán). 20 de xullo de 2020. Consultado o 25 de maio de 2021. 
  9. "Borja Jiménez deja de ser entrenador del FC Cartagena" (en castelán). 18 de decembro de 2020. Arquivado dende o orixinal o 31 de marzo de 2022. Consultado o 25 de maio de 2021. 
  10. "Borja Jiménez, novo adestrador do Real Club Deportivo". Deportivo da Coruña. 26 de maio de 2021. Consultado o 26 de maio de 2021. 
  11. López, Carlos (5 de xuño de 2022). "El Dépor golea al Linares en una gran segunda parte". Mundo Deportivo (en castelán). Consultado o 11 de outubro de 2022. 
  12. Barreiros, Pedro (13 de xuño de 2022). "1-2 A prórroga noquea ao Deportivo". La Voz de Galicia. Consultado o 11 de outubro de 2022. 
  13. De la Cruz, Luis (17 de xuño de 2022). "Borja Jiménez seguirá al frente del Deportivo". As (en castelán). Consultado o 11 de outubro de 2022. 
  14. Núñez, Alfonso (11 de outubro de 2022). "Borja Jiménez, destituido como entrenador del Deportivo". El Español (en castelán). Consultado o 11 de outubro de 2022. 
  15. Zautúa, Israel. "Óscar Cano, principal opción para dirigir al Depor tras la destitución de Borja". DxT Campeón (en castelán). Consultado o 2022-10-11. 
  16. "Borja Jiménez, presentado como nuevo entrenador del Leganés". Cadena SER (en castelán). 7 de xuño de 2023. Consultado o 10 de xuño de 2023. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]