Abeleira
Abeleira | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Abeleira no inverno | |||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||
Pouco preocupante | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Corylus avellana L. |
A abeleira ou abraira (Corylus avellana) é un arbusto caducifolio das betuláceas, de pólas abundantes e madeira dura e cuxo froito é a abelá.
Ecoloxicamente é moi importante na formación de sebes que choen as leiras na Europa atlántica, especialmente en Galiza, Asturias e sur de Inglaterra. As varas empregábanse tradicionalmente para a construción de valados, cestaría, feche de canastros e na construción, mesturando as pólas con barro para a fabricación de tabiques.
A abeleira común cultívase polos seus froitos comestíbeis. É unha especie común dos bosques galegos, especialmente dos de ribeira.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]Abeleira e abraira virían de abelá, termo que procede do latín nux abellana, que significa "noz de Abelá"[2]. Existe a variante dialectal abelaira. O nome científico avellana derivada vila de Avella en Italia,[3] e foi escollido por Linné de De historia stirpium commentarii insignes (1542), de Leonhart Fuchs, onde a especie se describía coma "Avellana nux sylvestris" ("noz brava de Avella").[4]
Distribución
[editar | editar a fonte]É nativa de Europa e do oeste de Asia, dende as Illas británicas, chegando polo sur á Península Ibérica, Grecia, Turquía e Chipre; polo norte até Escandinavia, e polo leste até os montes Urais, o Cáucaso, e o noroeste do Irán.[5][6][7]
Descrición
[editar | editar a fonte]É unha arboriña (ás veces considerada arbusto) que acada entre 3 e 8 metros de altura, aínda que algúns exemplares poden chegar até os 15 metros. As follas son caedizas, arredondadas, aveludadas polas dúas faces, co extremo rematado en punta, e os bordos dobremente serrados, de entre 6 e 12 cm. As flores masculinas aparecen no outono, volvéndose máis longas e de cor amarela na primavera, as femininas son moi pequenas e longas, cando se desenvolven dan lugar a acios de 1 a 4 abelás. As candeas masculinas son dun amarelo pálido, de 5–12 cm de longo, mentres que as femininas son miudiñas, avermelladas, de 1–3 cm de longo cos stilos visíbeis. O froito é botanicamente unha noz, producida en acios dun a cinco, cada noz metida nun invólucro, que cobre 3 cuartos da abelá. A abelá é practicamente esférica ou un chisco oval, de 15–20 mm de longo e 12–20 mm de ancho (pode chegar aos 25 mm de longo nalgunhas abelás cultivadas seleccionadas), de cor castaña amarelada, cunha cicatriz pálida na base. A propia abelá cae do invólucro cando está ben chegada, aos 7-8 meses logo da polinización[5][7][8].
Distínguese da especie moi achegada Corylus maxima polo invólucro curto; nesta abeleira, a abelá fica practicamente fechada.[5]
Ecoloxía e usos
[editar | editar a fonte]A abeleira brava é común en moitos bosques europeos. É importante coma compoñente nas sebes, que tradicionalmente choen as leiras da Europa atlántica, incluíndo Galiza e o sur de Inglaterra. As varas empregábanse en cestaría, na fabricación de canastros e para tecer valados.[5] Un cultivar coas pólas tortas, Corylus avellana 'Contorta', emprégase coma ornamental.
É unha especie de grande importancia ecolóxica.[Cómpre referencia] As follas forcecen alimento para moitas especies animais, incluíndo as bolboretas, avelaíñas e eirugas (Alabonia geoffrella).
Os froitos son importantes para a vida salvaxe, tanto para invertebrados adaptados para eludir a casca, coma vertebrados (como esquíos ou corvos).
Da abeleira obtéñense varas que se utilizan na elaboración de ferramentas, estas varas aparecen asociadas tradicionalmente coa maxia e a sabedoría e utilízanse en cestaría de xeito semellante ao vimbio. A abeleira é unha das árbores sagradas do calendario celta; tamén se relaciona coas meigas.[Cómpre referencia]
Nome común
[editar | editar a fonte]Evellaneira, avellano, avellaneiro, avellaneira, avellanairo, avellán, abrano, abrana, abraira, abraeira, ablaira, abilleira, abelloteiro, abelera, abeleiro, abeleira, abelao, abelaneira, abelanceira, abelán e abelaira[9].
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Corylus avellana.
-
Froito da abeleira: abelás en Celanova
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Fitter, R. and Fitter A., The Wild Flowers of Britain and Northern Europe (1978) 3rd Eds. William Collins & Sons Ltd, Glasgow
- ↑ FERREIRA, A. B. H. Novo dicionário da língua portuguesa. Segunda edição. Rio de Janeiro. Nova Fronteira. 1986. p. 206.
- ↑ Mitchell, A. F. (1982). The Trees of Britain and Northern Europe. Collins ISBN 0-00-219037-0
- ↑ Linnaeus, C. (1753). Species Plantarum p. 998.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 Rushforth, K. (1999). Trees of Britain and Europe. Collins ISBN 0-00-220013-9.
- ↑ Den Virtuella Floran: map
- ↑ 7,0 7,1 Trees for Life Hazel species profile Arquivado 29 de marzo de 2013 en Wayback Machine.
- ↑ Flora of NW Europe: Corylus avellana Arquivado 02 de maio de 2008 en Wayback Machine.
- ↑ "Abeleira (Coryllus avellana L.)". Atlas Lingüístico Galego. Consultado o 17 de setembro de 2016.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Abeleira |
Vexa a entrada do Galizionario acerca de Abeleira |