Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Anu

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Símbolo en escrita cuneiforme para An, da terceira dinastía de Ur.

An ou Anu é o rei dos deuses sumerios[1], señor do ceo, que preside a asemblea dos deuses onde organiza o destino de todo o universo. A pesar de ser a divindade suprema na mitoloxía escrita é presentado como un personaxe secundario covarde nalgunhas historias e como tirano noutras[2]. A súa posición remataría sendo socavada polo culto a Enlil, Assur e ao final Marduk, debido á perda de poder da súa cidade-santuario, Uruk.

Mitoloxía

[editar | editar a fonte]

Segundo os mitos sumerios da creación foi enxendrado polo abismo primordial e colocado enriba da terra (ki), aínda que noutras fontes seus pais son uns deuses primordiais que nunca recibiron culto. Debido á polarización desta relixión politeísta An/Anu tivo unha esposa, a deusa Uras ou Urta, que representaba a terra pero que na mitoloxía non teñen fillos; con que si os tivo foi coa deusa Ninhursarga ("señora da montaña") coa que tería fillos divinos e mesmo demos e espíritos menores.

An/Anu foi o deus patrón da cidade sumeria de Uruk[3]. O seu santuario, o complexo cultural de Kulaba, era xa na época prehistórica (IV milenio a.C) un templo-terraza, que foi reorganizado catrocentos anos máis tarde na época de Gêmdet Nasr cuxo resultado é o que hoxe chaman "Templo branco". Un santuario de 22,30 × 16,50 m pintado de branco por dentro e por fóra cunha sala central e espazos nos laterais. Contiña unha mesa de altar e un podio onde tiñan toda a "corte" deste deus en figuriñas de terracota ou mineral, así como exvotos dos adoradores. Accedían ao terrado por unha escaleira lateral e alí arriba levaban a cabo rituais celestes. Este culto durou ata a época helenística, xa cando os seléucidas o identificaron con Zeus, aínda que o seu culto non se reduciu a Uruk, estendéndose de maneira significativa durante a hexemonía asiria. Os asirios erguéronlle un cigurat na capital Assur, así como nas cidades de Dèr, Dilbat e Lagash.

An/Anu foi pai doutros deuses do panteón sumerios, Enlil, Adad (deus atmosférico) e Inanna, así como de certos demos, como Dimme ou Lamashtu, Asag, Sebettu etc.

  1. "Asirtios, sumerios y babilonios" diccionario de civilizaciones ed Akal
  2. López, Jesús; Sanmartín, Joaquín (1993). Mitología y religión del orfiente Antiguo. Tomo I Egipto-Mesopotamia. Barcelona: Ausa. 
  3. "Les religions de Babylone et de l`Asyrie" P.E. Dhorme París 1981

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Vv.Aa. (1951). University of California Publications in Semitic Philology. 11–12. University of California Press. OCLC 977787419. 
  • Bertman,Stephen. Handbook to Life in Ancient Mesopotamia,Facts On File,2003, ISBN 0-8160-4346-9.
  • Black, Jeremy; Green, Anthony (1992). Gods, Demons and Symbols of Ancient Mesopotamia: An Illustrated Dictionary. The British Museum Press. ISBN 0-7141-1705-6.