Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Conquistadores casteláns

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O concepto conquistadores españois ou máis propiamente conquistadores casteláns[1][2][3][4] refírese de forma xenérica aos soldados e exploradores da Península Ibérica, en particular da coroa de Castela que desde finais do século XV e durante o século XVI conquistaron e poboaron grandes extensións de territorio en América e Filipinas, incorporándoas aos dominios da monarquía española. A coroa de Aragón non participou da chamada Conquista, estando daquela mais envorcada no Mediterráneo. Nesa época o reino de Portugal suscribiu coa coroa de Castela o Tratado de Tordesillas[5]. O xentilicio español/espanhol non era referido a un Estado (a actual España), senón que era maiormente unha referencia xeográfica que incluía todos os reinos peninsulares[6]. Durante a Unión Ibérica as coroas de Portugal, Castela e Aragón mantiveron os respectivos territorios de influencia. A esas zonas de influencia é que se refire o termo, e non tanto da procedencia dos soldados, que eran de orixes diversas dentro da coroa de Castela (reino de Galiza, León, Castela, Andalucía Occidental ou Oriental) ou de fóra da coroa castelá. O exército co que Hernán Cortés chegou a Tenochtitlán estaba integrado por 200.000 soldados dos cales menos do 1% eran españois.[7]

A exploración e conquista de América tivo lugar durante a chamada era dos descubrimentos, a cal seguiu á chegada de Cristovo Colón en 1492. A conquista como tal foi abolida oficialmente en 1573 mediante un decreto do rei Filipe II, o cal prohibía os actos de conquista, denominándose a partir de entón os actos levados adiante polas forzas hispanas nos territorios aborixes coas palabras de pacificación.

Características dos conquistadores

[editar | editar a fonte]

Os conquistadores eran en xeral xoves, aínda que os caudillos non era nin xoves nin vellos.

Os caudillos da empresa conquistadora non eran xoves nin adolescentes como o resto da hoste. Eran, máis ben, homes maduros. Nin xoves nin anciáns, porque ao xove pérdeselle o respecto e ao vello a forza. Os caudillos da conquista de México (Hernán Cortés, Pedro de Alvarado) tiñan 34 anos. Francisco Pizarro, foi o maior de todos. Por iso, os españois dicíanlle "O Vello" e os incas chamáronlle o "Apu Machu".
Pablo Macera

A relación entre os soldados rasos e os caudillos que figuraban como xefes, era extremadamente vertical; serviles os primeiros e autoritarios os segundos. A autoridade do caudillo era asegurada polo encargo real, a experiencia e o control do botín. Nalgunhas ocasións, este tivo que recorrer a extremas proezas para asegurarse a súa autoridade, como Hernán Cortés cando mandou queimar as súas naves ou Francisco Pizarro cando trazou a raia coa súa espada na illa do Galo. A partir dese tipo de accións, a soldadesca comezou a velos como heroes, figuras lendarias. No caso da conquista do Perú, a disciplina mantívose férrea ata antes da repartición do botín. Logo diso, desatáronse as baixas paixóns, asasinatos, actos de indisciplina e guerras civís.

Outra característica dos conquistadores era que non proviñan da nobreza. Julio R. Villanueva Sotomayor di que só o 30 % eran fidalgos, o grao máis baixo da nobreza española.[Cómpre referencia] O resto era da clase popular. A empresa da conquista era un medio (probablemente o único na España da época) de ascenso social nunha sociedade rixidamente estratificada.

A conquista de América pola coroa de Castela

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Conquista de América.
Fundación de Santiago de Chile polo conquistador Pedro de Valdivia.

Os cronistas españois presentaron a Conquista de América como un feito marabilloso, digno de eloxio e sucedido nun espazo de tempo que non ten parangón coas conquistas realizadas por ningún outro pobo. Pola contra, os testemuños dos pobos indíxenas, os cronistas anglosaxóns e algún español, presentaron a Conquista de América como un feito desgraciado, moralmente cuestionable, movido pola ambición de ouro, no que destacan sobre todo a destrución e desaparición das culturas dos pobos orixinarios como un feito sen parangón.

Con sentido contrario Frei Bernardino de Sahagún di:

Esto a la letra ha acontecido a estos indios, con los españoles, pues fueron tan atropellados y destruidos ellos y todas sus cosas, que ninguna apariencia les quedó de lo que eran antes.[8]

Os historiadores destacaron o curto tempo en que sucedeu a chamada conquista de América pola coroa de Castela (ou España no sentido xeográfico e xeopolítico da época) pondo acento tamén na catástrofe demográfica en América tras a chegada dos europeos, no que as enfermidades traídas de Europa xogaron un papel decisivo e que en poucas décadas minguaron a poboación indíxena. As enfermidades movéronse aínda máis rápido que os conquistadores e ata moitas veces chegaron antes. Ese foi o caso do Imperio Inca que, para cando os conquistadores españois chegaron, xa fora decimado por unha epidemia de vexigas que ademais causou a morte do emperador (Huayna Cápac) desencadeando unha guerra civil.

Pola súa banda o historiador estadounidense Charles Mann di que España:

...non vencería ao Imperio (Azteca) se, mentres Cortés construía as embarcacións, Tenochtitlán non fose arrasada polas vexigas na mesma pandemia que posteriormente arrasou o Tahuantinsuyu... A gran cidade perdeu polo menos a terceira parte de poboación por mor da epidemia, incluído Caitlahuac".[9]

Algo similar fai o cronista Pedro Cieza de León en Crónica do Perú:

Cando me dispoño a escribir para a xente de hoxe e do futuro, acerca da conquista e descubrimentos feitos aquí en Perú, non podo máis que reflexionar que estou tratando cun dos asuntos máis grandes dos que un posiblemente poida escribir en toda a creación en canto respecta á historia secular. Onde antes viron os homes as cousas que eles viron aquí? E pensar que Deus permitiu que algo tan grande permanecese escondido do mundo por un tempo tan longo, descoñecido aos homes, e despois deixado para ser achado, descuberto e gañado todo no noso tempo!

O mesmo Frei Bartolomé de las Casas que consideraba á Conquista de América como unha das «marabillas» do mundo, definíaa tamén como «a destrución das Indias» e describíaa do seguinte modo:

En estas ovejas mansas, y de las calidades susodichas por su Hacedor y Criador así dotadas, entraron los españoles, desde luego que las conocieron, como lobos e tigres y leones cruelísimos de muchos días hambrientos. Y otra cosa no han hecho de cuarenta años a esta parte, hasta hoy, e hoy en este día lo hacen, sino despedazarlas, matarlas, angustiarlas, afligirlas, atormentarlas y destruirlas por las extrañas y nuevas e varias e nunca otras tales vistas ni leídas ni oídas maneras de crueldad.[10]
Conquistador español, Pavillón da navegación de Sevilla, España.

Aínda que os factores tecnolóxicos e culturais xogaron un importante papel nas vitorias e derrotas dos conquistadores, o factor decisivo foron as enfermidades traídas desde Europa, especialmente as vexigas, que en moitos casos aniquilaron nacións enteiras antes da chegada dos españois. Outro factor fundamental foi a habilidade dos conquistadores en explotar as diferenzas entre os propios pobos indíxenas, xa sexa apoiando a un dos bandos dunha guerra civil, como no caso do Imperio Inca, ou apoiándose nas poboacións sometidas polo pobo ao que se pretendía subxugar, sexa o caso do imperio Azteca.

Militarmente os conquistadores posuían algunhas vantaxes tecnolóxicas sobre os pobos orixinarios, especialmente as armas de fogo e o aceiro. Por outra banda as civilizacións orixinarias tiñan a vantaxe do poboamento, o espírito de liberdade e a vontade de permanecer independentes, que en moitos casos foi factor decisivo na derrota dos conquistadores.

En todos os casos as nacións indíxenas cuxa conquista pretendían os españois superaban a estes en número: en media os peninsulares nunca superaron o 2% da poboación de América. Con todo era habitual que os conquistadores realizasen alianzas con nacións inimigas para formar exércitos numerosos. O exército co que Hernán Cortés atacou Tenochtitlán estaba integrado por 200.000 soldados,[7] dos cales menos do 1% eran españois.[7]

A pesar de que moitas civilizacións americanas desenvolveran métodos avanzados para o tratamento e fundido dos metais (ouro, prata, bronce, estaño, cobre), este coñecemento aplicouse principalmente para a elaboración de obxectos relixiosos, artísticos e simbólicos, así como de utensilios domésticos de uso cotián. Só os quechuas e os purépechas elaboraban armas de cobre, pero estas non alcanzaban o fío e dureza do ferro e o aceiro. Os cascos e armaduras de ferro que utilizaron os conquistadores constituíron un importante factor de defensa persoal. Con todo, a depurada tecnoloxía téxtil das civilizacións andinas, que permitía tecidos de ata 500 fíos por polgada estruturados en capas sucesivas, permitiulles desenvolver eficientes armaduras de tecido acolchado (o escaupil) que foron adoptadas finalmente polos españois, abandonando os seus cascos e courazas metálicas,[11] xa que estas non eran adecuadas para climas tropicais, tanto pola calor que daba aos portadores como pola corrosión que sufrían.

A arma principal dos exércitos andinos era o tirafonda, realizado con tecidos, co que lanzaban pedras quentadas ata ao lume, envoltas en algodón e brea. Utilizando estas armas os quechuas arrasaron Cuzco ocupada polos casteláns en 1536.[11]

Arcabuz.

No primeiro momento da conquista as armas de fogo e en especial os arcabuces causaron grande impresión debido ao estrondo. Pero o seu efecto militar foi escaso. As espadas de aceiro e de ferro, os coitelos e as armaduras demostraron ser moito máis efectivos militarmente. Por esta razón, cando alcanzaban o dominio dalgunha nación, os casteláns prohibían o acceso ás armas de ferro por parte dos poboadores sometidos.

Os animais foron outro factor militar. Por unha banda, a introdución do cabalo por parte dos españois, permitiulles nalgúns casos moverse con rapidez e lanzar rápidos ataques. Con todo nas zonas montañosas e selváticas, os europeos mostráronse menos adaptados tecnoloxicamente que as culturas amerindias, que utilizaban a llama e técnicas especiais para construír camiños e pontes adaptadas a ese tipo de terreos. Nalgúns casos os pobos orixinarios, principalmente en Norteamérica, a pampa e a Patagonia, apropiáronse do cabalo e desenvolveron técnicas de adestramento e monta propias, e volvéronse un factor decisivo para rexeitar aos conquistadores. Os conquistadores utilizaron tamén cans para rastrexar e atacar indíxenas e escravos na selva e nos bosques.[12]

A forma de facer guerra dos casteláns, como a da maioría dos europeos era máis sanguenta e involucraba máis guerreiros que os que os indíxenas americanos estaban afeitos utilizar. As armas de ferro e aceiro producían lesións tan evidentes como as das frechas envelenadas. Ademais, algúns pobos orixinarios non tiñan o costume de matar xente no campo de batalla, senón que os capturaban e mantíñanos para ocasións de sacrificios rituais[Cómpre referencia], ou comelos en festivos banquetes. Por iso é polo que as prácticas europeas na guerra adquirisen un carácter máis brutal.

Pero o factor decisivo na derrota das civilizacións americanas foi o colapso demográfico. Entre os investigadores e sectores sociais non hai consenso sobre as causas dese colapso, atribuíndoos uns a un xenocidio, outros á introdución de novas enfermidades e un terceiro grupo a unha combinación de ambas as causas. O investigador norteamericano H. F. Dobyns[13] calculou que un 95% da poboación total de América morreu nos primeiros 130 anos logo da chegada de Colón. Pola súa banda, Cook e Borak, da Universidade de California, Berkeley, estableceron logo de décadas de investigación, que a poboación en México diminuíu de 25,2 millóns en 1518 a 700 mil persoas en 1623, menos do 3% da poboación orixinal.[14] En 1492 o conxunto dos reinos peninsulares non superaban os 10 millóns de persoas.[15]

Hai un certo consenso en considerar que o colapso demográfico da poboación orixinal de América foi a causa principal da súa derrota militar. Steven Katz dixo respecto diso:

Moi probablemente trátase do maior desastre demográfico da historia: o despoboamento do Novo Mundo, con todo o seu terror, con toda a súa morte.[16]

O historiador estadounidense Charles Mann di que España "non vencería ao Imperio (Azteca) se, mentres Cortés construía as embarcacións, Tenochtitlán non fose arrasada polas vexigas na mesma pandemia que posteriormente arrasou o Tahuantinsuyu... A gran cidade perdeu polo menos a terceira parte de poboación por mor da epidemia, incluído Caitlahuac".[9]

Francisco Pizarro

Algo similar sucedeu co Imperio Inca, derrotado por Francisco Pizarro en 1531. A primeira epidemia de vexigas foi en 1529 e matou entre outros ao Emperador Huayna Cápac, pai de Atahualpa. Novas epidemias de vexigas declaráronse en 1533, 1535, 1558 e 1565, así como de tifo en 1546, gripe en 1558, difteria en 1614 e sarampelo en 1618.[17] Dobyns estimou que o 90% da poboación do Imperio Inca morreu nesas epidemias.

Autores como Jared Diamond resumen as causas da vitoria de Pizarro (paradigma da conquista castelá) en "tecnoloxía militar baseada en armas de fogo e aceiro e cabalos, enfermidades infecciosas endémicas en Eurasia, tecnoloxía marítima europea, a organización política centralizada dos Estados europeos, e na escritura".[18] Neste último sentido, Diamond explica que os erros de xuízo de Atahualpa e Moctezuma II, que lles levaron a ser enganados polos casteláns debíanse a que estes pertencían a unha sociedade alfabetizada que, grazas á escritura, tiña á súa disposición un enorme corpus de coñecemento sobre o comportamento humano e a súa historia, algo do que carecían as nacións americanas. Con respecto ás afirmacións de Jared Diamond, hai que ter en conta que as sociedades mesoamericanas descubriran a escritura varios milenios antes da chegada dos europeos.

A repartición de América entre as nacións europeas

[editar | editar a fonte]

A colonización europea de América iníciase a finais do século XV logo de que Cristovo Colón chegase en 1492 co mecenado da Coroa de Castela. A partir de aí, o Imperio Español, o Imperio Portugués, o Imperio Británico, Francia e Holanda, conquistaron e colonizaron algúns territorios e poboacións que xa habitaban o continente, sendo o español o imperio máis extenso.

O Imperio Español e o Imperio Portugués foron os primeiros en realizar a conquista, e asentáronse principalmente en Norteamérica, Centroamérica e na área andina de Suramérica (imperios Azteca e Inca, respectivamente).

Castela foi a potencia que maior presenza colonial impuxo en América. Tomou posesión pola forza dos dous grandes imperios existentes en América nese momento: en América do Norte chegou a apropiarse do Imperio Azteca, no actual México, establecéndose nas súas cidades. A partir de aí controlou unha gran parte de América Central: desde a zona andina de América do Sur ata a zona central da actual Chile, incluíndo ao Imperio Incaico no actual Perú. No Caribe, dominou sobre todo Cuba, A Española, Porto Rico, Xamaica, incluíndo á península de Florida dentro das súas posesións caribeñas.

Portugal apropiouse da maior parte da franxa costeira atlántica da parte norte de América do Sur, que máis tarde orixinaría o Estado do Brasil. Inglaterra estableceu trece colonias na franxa costeira atlántica norteamericana, ademais dalgunhas illas caribeñas e parte do Canadá. Francia ocupou a actual Güiana Francesa en Suramérica (aínda baixo o seu dominio), Luisiana no golfo de México, algunhas illas do Caribe, e a rexión canadense do Quebec. Os Países Baixos estabeleceron colonias en Norteamérica (Nova Ámsterdam que logo sería Nova York), norte de América do Sur (Güiana holandesa, hoxe Suriname) e algúns asentamentos en illas caribeñas (Antillas Neerlandesas e Aruba).

  1. "VISÃO DO PARAÍSO - Sérgio Buarque de Holanda - Grupo Companhia das Letras". www.companhiadasletras.com.br. Consultado o 2022-05-04. 
  2. "La conquista castellana de América y el fin de los imperios". HISTORIAE (en castelán). 2016-07-01. Consultado o 2022-05-04. 
  3. Diario, Nós (2021-10-12). "A Hispanidade é máis que un xenocidio". Nós Diario. Consultado o 2022-05-04. 
  4. guerraenelsigloxvi. "La Conquista de América" (en castelán). Consultado o 4 de abril de 2022. 
  5. "O Portal da História - Cortes de Évora de 1481-1482". www.arqnet.pt. Consultado o 2022-05-04. 
  6. centroeuropa (2018-05-29). "Portugal como parte de España en Os Lusíadas". Limpia por dentro (en castelán). Consultado o 2022-05-04. 
  7. 7,0 7,1 7,2 Mann, Charles (2006). 1491; Madrid:Taurus, pag. 178
  8. Sahagún, Frei Bernardino de, Historia xeral das cousas de Nova España, T I, pag. 29
  9. 9,0 9,1 Mann, Charles (2006). 1491; Madrid:Taurus, pag. 179-180
  10. De las Casas, Bartolomé. Brevísima relación da destrución das Indias. (ver texto)
  11. 11,0 11,1 Mann, Charles (2006). 1491; Madrid:Taurus, pag. 123
  12. Bethany Aram, op. cit., p. 51
  13. Dobyns, H. F. (1983). Their number become thined: Native American population dynamics in Eastern North America, Knoxville (Tenn.), University of Tennesee Press.
  14. Cook, S. F. e W. W. Borah (1963), The indian population of Central Mexico, Berkeley (Cal.), University of California Press
  15. Mann, Charles (2006). 1491; Madrid:Taurus, pag. 136
  16. Katz, S. T. (1994-2003). The Holocaust in Historical Context, (2 vols.), Nova York, Oxford Universtity Press
  17. Mann, Charles (2006). 1491, Madrid, Taurus, pag. 133
  18. Diamond 1997, p. 80

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Aram, Bethany (2007). Leyenda negra y leyendas doradas en la conquista de América: Pedrarias y Balboa. Marcial Pons, Ediciones de Historia.  Libro on line
  • Diamond, Jared (1997). Guns, Germs, and Steel: The Fates of Human Societies. Colección: Civilizations Rise and Fall, nº 1 (en inglés). Londres: W.W. Norton & Company. ISBN 9780393038910. OL 18642726M. 
  • Innes, Hammond (2002): The Conquerors. Penguin.
  • Sánchez Galera, Juan y Jose María (2012). Vamos a Contar Mentiras. Edaf. 
  • Wood, Michael (2000): Conquerors. BBC Books.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]