Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Álula

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Localización da álula nunha á de ave

A álula é unha pequena proxección no bordo anterior da á das aves modernas e algúns dinosauros non aviarios. Os colibrís carecen de álula. A palabra procede do latín e significa "pequena á", xa que é o diminutivo de ala. A álula é o primeiro dedo libremente móbil, un "polgar" das aves (discutiuse se correspondía ao polgar ou ao índice), e leva de tres a cinco pequenas plumas de voo, cuxo número exacto depende da especie. Hai alí tamén plumas cobertoiras menores que se sobrepoñen ás plumas de voo. Como as plumas de voo máis grandes que se encontran no bordo de arrastre da á, estas plumas da álula son asimétricas, e o seu cálamo discorre próximo ao bordo anterior.

Aguia de cabeza branca adulta aterrando, mostrando a álula en acción.

Na maioría das situacións, a álula mantense aliñada contra a á, pero pode ser manipulada, xa que ten musculatura asociada. Cando voa a baixa velocidade ou está tomando terra, a ave move a súa álula lixeiramente cara a arriba e adiante, o cal crea un pequeno oco no bordo de ataque da á. Este funciona da mesma maneira que os slats das ás dos avións, o que permite que a á adopte un ángulo de ataque maior do normal (e, por tanto, teña maior sustentación) sen que se produza unha entrada en perda.[1] O extremo da álula forma un pequeno vórtice que forza o fluxo de aire a manterse mellor en contacto coa á.[2][3] Durante a extensión da á cara abaixo cara ao chan, a álula é abducida (separada) da á e pode verse claramente.

A álula en aves antigas

[editar | editar a fonte]

A presenza dunha álula foi confirmada en varios parentes antigos agora extintos das aves modernas, incluíndo Eoalulavis hoyasi (unha enantiornitina do Cretáceo medio[4] de hai 115 millóns de anos) e a máis antiga Protopteryx fengningensis.[5] Como estas especies non están estreitamente relacionadas coas aves modernas, ou ben a álula evolucionou dúas veces ou fíxoo xa hai máis de 130 millóns de anos.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]