San Jose
San José (en) | |||||
Epónimo | Xosé de Nazaret | ||||
---|---|---|---|---|---|
Localización | |||||
| |||||
Estado | Estados Unidos de América | ||||
Estado federado | California | ||||
Condado | Condado de Santa Clara | ||||
Capital de | Condado de Santa Clara (1850–) | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 1.013.240 (2020) (2.167,11 hab./km²) | ||||
Número de fogares | 324.340 (2020) | ||||
Xeografía | |||||
Situado na entidade territorial estatística | San Jose–Sunnyvale–Santa Clara metropolitan area (en) (Poboación:2.000.468) | ||||
Superficie | 467,553078 km² | ||||
Auga | 1,9111 % (1 de abril de 2010) | ||||
Altitude | 25 m | ||||
Comparte fronteira con | Milpitas (pt) Cupertino Saratoga (pt) Campbell (pt) Santa Clara Los Gatos Sunnyvale (pt) Fremont Morgan Hill (pt) | ||||
Creación | 29 de novembro de 1777 | ||||
Organización política | |||||
• Alcalde | Matt Mahan (pt) (2023–) | ||||
Identificador descritivo | |||||
Fuso horario | |||||
Prefixo telefónico | 408 e 669 | ||||
Outro | |||||
Irmandado con | |||||
Páxina web | sanjoseca.gov |
- Este artigo é sobre a cidade estadounidense. Para os artigos sobre cidades e vilas tamén chamadas San Jose nas Filipinas, así como outros nomes propios que inclúen San Jose, véxase San Jose (homónimos).
- Para todos os topónimos en español San José, grafados con til, véxase San José. Se busca a capital de Costa Rica, vaia a San José de Costa Rica.
San Jose (nome oficial en inglés equivalente ao galego San Xosé, ás veces tamén escrito en español San José), é unha das cidades máis importantes do estado de California, nos Estados Unidos e é a capital do condado de Santa Clara. A cidade sitúase no sur da baía de San Francisco, dentro dos límites do chamado Silicon Valley. Para 2009, a poboación estimábase en 1.006.892 habitantes o que a fai a décima cidade en poboación dos Estados Unidos. San Jose é a maior cidade da área da baía de San Francisco, que ten máis de sete millóns de habitantes en total. Entre as cidades máis importantes da área atópanse tamén San Francisco e Oakland.
Orixinariamente coñecida como El Pueblo de San José de Guadalupe, esta cidade foi fundada o 29 de novembro de 1777 e converteuse na primeira poboación española de California. A cidade serviu como comunidade agrícola para abastecer os asentos militares da rexión. Cando California adquiriu o seu carácter de estado dos Estados Unidos en 1850, San Jose foi a súa primeira capital. Nos anos 1950 e 1960 a cidade comezou a expandirse e nos anos 1970, San Jose converteuse na cidade dormitorio para o Silicon Valley, ao mesmo tempo que empezou a atraer diferentes empresas, consolidando a súa posición como unha das cidades máis importantes do val.
Segundo as estatísticas oficiais do FBI, San José é a cidade de máis de 500.000 habitantes máis segura dos Estados Unidos. Esta cualificación baséase en estatísticas criminais para o ano 2004 en seis categorías: homicidios, roubos, asaltos con violencia, roubos a domicilios e roubos de automóbiles.[1]
Nome
O 3 de abril de 1979, o Consello de San Jose adoptou "San José" como escritura do nome no selo da cidade, documentos oficiais, títulos de oficina e nomes de departamento. Por acordo co Concello, a ortografía de "San José" utilízase cando o nome vai con letras minúsculas, mais non cando vai completamente en maiúsculas. Con todo, é aínda máis común ver o nome escrito como "San Jose". Ademais, o nome oficial da cidade segue a ser "City of San Jose", sen til, de acordo coa Constitución da cidade.[2]
Clima
San Jose, como a maior parte da área da Baía, ten un clima mediterráneo, temperado pola presenza da baía de San Francisco. A diferenza de San Francisco, que está exposta ao océano ou á baía por tres dos seus costados, co que a súa temperatura varía pouco durante o ano ou durante o día, San Jose xace ao interior, protexida por tres custados por cerros e montañas. Isto protexe á cidade da choiva, e fai o clima máis ben semi-árido, case desértico, con precipitacións anuais de 366 mm, a comparación doutras partes da zona, que poden recibir até catro veces esa cantidade. Isto tamén evita a néboa, omnipresente en San Francisco, case todo o ano.
A pesar diso, as temperaturas tenden a ser moderadas. A media superior de xaneiro é de 15 °C, a media inferior de 6 °C, con ocasionais xeadas nocturnas; a media superior de xullo é de 29 °C e o inferior de 14 °C, con máximas superiores a 38 °C varios días ao ano. A máis alta temperatura rexistrada en San José foi de 42,8 °C e a máis baixa de -8,3 °C. A variación entre o día e a noite pode ser de 17 a 22 °C.
Dadas as lixeiras choivas, San José experimenta máis de 300 días ao ano de brillo solar completo ou significativo. Os meses chuviosos son de outubro a abril ou maio, con pouca ou ningunha precipitación de xuño a setembro. No inverno, os outeiros e campos se verdean con pastos e vexetación nativa, aínda que as árbores perdan as súas follas; coa chegada do período anual de seca a vexetación sécase e morre, dándolle aos outeiros unha cuberta dourada, vista como bela por moitos aínda que é combustible para frecuentes incendios de pastos.
O nivel das neves chega a 610 m, ás veces menos, ocasionalmente nos invernos, cubrindo o próximo monte Hamilton (California), e con menos frecuencia as montañas de Santa Cruz, con neve lixeira que só de cando en vez dura polo día. Isto ás veces demora o tráfico da ruta estatal 17 cara a Santa Cruz. Saraiba ou copos de neves caen ocasionalmente en San José, aínda que no período 1976 a 2006 a máis recente nevada foi en febreiro de 1976. Recentemente en marzo do 2006 1,25 cm de neve reportouse no centro da cidade, apenas a uns 60 msm. Como a maior parte da área da baía, San Jose ten ducias de microclimas, co centro da cidade experimentando a máis lixeira precipitación da cidade, e o sur da cidade, apenas a 16 km, recibindo máis choiva e temperaturas lixeiramente máis fortes.
Educación
Universidades
San Jose aloxa varias institucións de educación superior. A máis grande e máis coñecida de todas é a Universidade Estatal de San Jose (San Jose State University), o campus orixinal do conxunto que agora compón o sistema da Universidade Estatal de California (California State University). Está localizada no centro da cidade desde 1870 contando con máis de 30.000 estudantes en cursos de pregraduado e mestría. A Universidade Nacional Hispana (National Hispanic University), cunha matrícula de 600 estudantes, ofrece títulos de estudos superiores aos seus estudantes, enfocándose principalmente na poboación hispana. A Universidade de Silicon Valley (Silicon Valley College) ofrece títulos enfocados en traballadores da industria de alta tecnoloxía. A Escola de Leis Lincoln de San Jose (Lincoln Law School of San Jose) ofrece carreiras de leis para persoas empregadas. O campus de San José da Universidade Golden Gate (Golden Gate University) ofrece licenciaturas e mestrías (MBA) en negocios.
Existen tamén os denominados colleges ou community colleges, que nos Estados Unidos son, xeralmente (aínda que hai excepcións) universidades que ofrecen títulos técnicos (associate degrees). Entre estes atópanse o San Jose City College e o Evergreen Valley College. Ademais, habitantes de San José asisten a universidades nos arredores, como a Universidade de Santa Clara (Santa Clara University), De Anza College, en Cupertino; a Universidade Stanford (Stanford University), en Palo Alto; e a Universidade de California en Berkeley.
Notas
- ↑ "City Crime Rankings by Population Group". Arquivado dende o orixinal o 25 de decembro de 2011. Consultado o 16 de marzo de 2010.
- ↑ "City of San Jose Charter". Arquivado dende o orixinal o 17 de xuño de 2010. Consultado o 16 de marzo de 2010.
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas
Listaxe | Cidade | Estado | Pob. | Listaxe | Cidade | Estado | Pob. | Nova York Os Ánxeles Chicago | ||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
1 | Nova York | Nova York | 8.622.698 | 11 | Austin | Texas | 950.715 | |||
2 | Os Ánxeles | California | 3.999.759 | 12 | Jacksonville | Florida | 892.062 | |||
3 | Chicago | Illinois | 2.716.450 | 13 | San Francisco | California | 884.363 | |||
4 | Houston | Texas | 2.312.717 | 14 | Columbus | Ohio | 879.170 | |||
5 | Phoenix | Arizona | 1.626.078 | 15 | Fort Worth | Texas | 874.168 | |||
6 | Filadelfia | Pensilvania | 1.580.863 | 16 | Indianapolis | Indiana | 863.002 | |||
7 | San Antonio | Texas | 1.511.946 | 17 | Charlotte | Carolina do Norte | 859.035 | |||
8 | San Diego | California | 1.419.516 | 18 | Seattle | Washington | 724.745 | |||
9 | Dallas | Texas | 1.341.075 | 19 | Denver | Colorado | 704.621 | |||
10 | San Jose | California | 1.035.317 | 20 | Washington, D.C. | Distrito de Columbia | 693.972 | |||
Datos do censo de 2017.[1] |